Nova: Buciños e Manzano reciben en Lugo o Premio Otero Pedrayo, concedido ex-aequo e por unanimidade

24/10/2017
Buciños e Manzano reciben en Lugo o Premio Otero Pedrayo, concedido ex-aequo e por unanimidade
Os dous escultores foron amigos de Pedrayo e a súa obra honra os membros do Grupo Nós
O secretario xeral de Cultura asistiu ao acto de entrega do galardón, que tivo lugar na Casa Museo do escritor ourensán en Trasalba
Amoeiro, 24 de outubro de 2017.- Os escultores ourensáns Manuel Vázquez ‘Buciños’ e Acisclo Manzano recibiron hoxe en Amoeiro, na casa natal de Otero Pedrayo o premio homónimo concedido pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e O.U. e as catro deputacións provinciais galegas. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na entrega dos galardóns e lembrou que os homenaxeados son “dous grandes artistas que fixeron evolucionar a arte galega durante estas últimas décadas”, traendo “aires de liberdade e renovación ao panorama artístico e cultural de Galicia”.
O galardón ten por obxecto poñer en valor a vida e a obra do escritor Otero Pedrayo, ao tempo que premia o labor de persoas ou institucións pola súa contribución á difusión e ao desenvolvemento da cultura galega. Ten carácter anual e rotativo, polo que cada ano lle corresponde convocalo a unha das deputacións, en colaboración coa Consellería.
Na edición de 2016, que se entregou hoxe, correspondeulle á Deputación de Ourense a súa convocatoria. Ademais de representantes desta entidade e da Consellería, no xurado participaron membros das tres universidades galegas, da Real Academia Galega, e do Instituto Padre Sarmiento, ademais de cinco persoas independentes designadas pola Xunta, de solvencia científica e literaria.
Dúas traxectorias semellantes con estilos diferenciados
Manuel García Vázquez naceu en 1938, no lugar de Buciños, do que toma o seu nome artístico e vive en Ourense desde 1950. Acisclo Manzano nace no 1940 na cidade das Burgas. Os dous déronse a coñecer no relatorio de Risco, na cafetería do Hotel Parque e foron amigos de Otero Pedrayo, do que mereceron eloxios “visibles nos catálogos das exposicións e nas colaboracións de Otero na prensa”, como lembrou Anxo Lorenzo.
Con creacións e estilos moi diferentes, Buciños e Manzano traballaron durante máis de dez anos no mesmo taller, en Ourense, onde naceu unha amizade que perdura ata hoxe. A presenza da xeración Nós e de Otero Pedrayo na súa obra, así como a entrega dos dous artistas a Galicia e a súa cultura foron algunhas das razóns para serlles concedido este prestixioso galardón.
Figuras destacadas como Isaac Díaz Pardo ou Carlos Casares e institucións como o Museo do Pobo Galego, que cumpre 40 anos de vida, ou a Fundación Otero Pedrayo tamén foron galardoadas con este premio.