Nova: Remover Roma con Santiago, un festival cultural na capital italiana no que Galicia xoga un papel clave

02/10/2017
Remover Roma con Santiago, un festival cultural na capital italiana no que Galicia xoga un papel clave
Este festival incide na cultura como eixo vertebrador de Europa
Román Rodríguez destaca o enorme talento cultural de Galicia na inauguración de Remover Roma con Santiago
Roma (Italia), 2 de outubro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria referiuse hoxe na Real Academia de España en Roma ao “enorme talento cultural de Galicia”, no acto de inauguración do festival “Remover Roma con Santiago”. Un programa cunha relevante participación galega que, desde hoxe e até o vindeiro 2 de novembro, ofrecerá diversas actividades de música, teatro, cine, arte e ciencia, para conmemorar o 30 Aniversario dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa, establecidos en Santiago de Compostela en 1987. Sobre o festival o conselleiro afirmou que “permite unir a estas dúas cidades nas que se forxou, aínda que fose desde perspectivas diferentes, unha parte esencial do espírito e da cultura europeas.”
Román Rodríguez explicou que se trata “dun mes de actividade cultural en Roma no que Galicia quere xogar un papel fundamental”. Neste sentido, Rodríguez dixo que Galicia contará “ademais dos artistas galegos que participan na mostra “Muchos Caminos”: Xurxo Lobato, Rubén Grilo, Rosendo Cid Jorge Barbi e Andrés Pinal, con varios dos creadores máis destacados da actualidade” como son a cantante Uxía ou o cineasta Óliver Laxe, recentemente galardoados cos Premios da Cultura Galega 2017; ademais de con prestixiosos investigadores e intelectuais como Antón María Pazos ou Xerardo Agrafoxo. “Estamos a falar dunha selecta escolma –explicou o conselleiro– do enorme talento cultural de Galicia, polo que non cabe dúbida de que todos eles nos representarán dun modo inmellorable.”
No acto de inauguración participaron canda o conselleiro, o conselleiro cultural da Embaixada de España en Roma, Ion de la Riva; o director xeral de Relacións Culturais e Científicas, Roberto Varela; o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega; e o presidente da Vía Francíxena, Massimo Tedeschi. Tamén estivo presente o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo.
Celebrando os 30 anos dos Itinerarios Culturais Europeos
O festival “Remover Roma con Santiago” concíbese como unha cita que na capital italiana congrega a unha selección do talento vivo das terras polas que transcorre o Camiño Francés e o aragonés. O festival, organizado pola Embaixada de España en Italia, a Real Academia de España en Roma, o Instituto Cervantes romano, EEHAR, Spagna Cultura+Scienza e a Via Francigena coa colaboración da Xunta de Galicia, conta cun amplo programa de música, teatro, cine, arte e ciencia que terá lugar en diferentes institucións como a Real Academia de España en Roma, o Instituto Cervantes, a Escola Española de Historia e Arqueoloxía en Roma e a Casa do Cinema.