Nova: Sete novos proxectos de danza participarán no programa Residencias Paraíso

23/08/2017

Sete novos proxectos de danza participarán no programa Residencias Paraíso

Trátase das propostas presentadas por Masako Hattori, Borja Fernández e Diego Anido, Estela Lloves, Óscar Bueno, Areta Bolado e Ailén Kendelman, Diego M. Buceta, e Begoña Cuquejo xunto con María Roja

A comisión seleccionounas entre as 60 recibidas buscando un equilibrio entre os artistas emerxentes e os de maior traxectoria e apostando por creacións multidisciplinares

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2017.- O programa Residencias Paraíso seleccionou sete proxectos de danza para a súa primeira edición, organizada polo Colectivo RPM co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para impulsar a investigación e a creación arredor das artes do movemento. Cóntase tamén coa colaboración dos concellos da Coruña, Carballo, Lugo, Narón e Ourense na cesión dos espazos onde se desenvolverán as estadías artísticas entre os vindeiros meses de setembro e decembro.

As propostas seleccionadas son Este es de aire y el otro de agua, de Masako Hattori (compañía Kokoharuka), para o Pazo de Cultura de Narón; O inevitable, de Borja Fernández e Diego Anido, para o Pazo de Cultura de Carballo; Sempre viva, de Estela Lloves (compañía Arraiana), para o Vello Cárcere de Lugo; Línea larga punto punto punto más alto curva hacia arriba punto, de Óscar Bueno, para a Fundación Luis Seoane da Coruña; Barba inguinal, de Areta Bolado e Ailén Kendelman (Dona Lambricas e Peluda Queen), para o Auditorio Municipal de Ourense; e 2419CJX, de Begoña Cuquejo e María Roja, para o Teatro Rosalía Castro da Coruña.

 

Comisión

A comisión encargada de elixir estes títulos entre os 60 recibidos estivo integrada por Xesús Ron, director de Chévere; a bailarina Mónica García; Cristina Alonso, coordinadora do espazo de creacion Graner de Barcelona; e Rut Balbís e Caterina Varela, en representación do Colectivo RPM.

A súa decisión busca dar visibilidade as distintas tipoloxías de proxectos presentados, mantendo o equilibrio entre as propostas máis emerxentes e os artistas cunha maior traxectoria e apostando por propostas fronteirizas entre as diferentes artes vivas relacionadas coa danza e o movemento. Ademais, a comisión resolveu ampliar de seis a sete o número de títulos seleccionados, aos que se destinan un total de 15.000 euros para investir nas fases de investigación, escritura, traballo dramatúrxico, creación coreográfica e residencia técnica, entre outras.



Residencias Paraíso púxose en marcha este ano coa finalidade de impulsar a investigación e a creación coreográfica na nosa Comunidade, promovendo a aparición de novos proxectos e compañías, ademais de acompañar as formacións xa consolidadas durante os seus procesos creativos.

Con este obxectivo común, a Agadic colabora con RPM, un colectivo independente integrado na actualidade por cinco destacados artistas no ámbito das artes do movemento e da creación contemporánea en Galicia: Rut Balbís, Catarina Varela, Félix Fernández, Andrea Quintana e Alexis Fernández.

Comparte