Nova: A Cidade da Cultura, escenario excepcional para contemplar o fenómeno das perseidas

07/08/2017
A Cidade da Cultura, escenario excepcional para contemplar o fenómeno das perseidas
Cen participantes gozarán deste espectáculo astronómico, ás 22:30 horas do 12 de agosto, seguindo as indicacións dos monitores do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC
Esgotadas todas as prazas para esta visita e tamén para as seguintes sesións astronómicas na Cidade da Cultura, previstas para o 19 e 26 de agosto e o 2 e 16 de setembro
Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2017.- A Cidade da Cultura de Galicia volve a converterse nun escenario excepcional para contemplar este sábado, día 12, a xa tradicional Noite das Perseidas, sempre e cando o tempo acompañe, xa que os expertos recomendan situarse nun lugar suficientemente afastado das luces de vilas e cidades, sen contaminación lumínica, e colocarse preferentemente cara o leste.
As tamén chamadas "bágoas de San Lourenzo" poderán observarse desde o Monte Gaiás coa axuda de monitores do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago, na visita astronómica preparada para as 22.30 horas do sábado, das que xa non quedan entradas, e onde tamén recibirán nocións básicas para aprender a mirar o ceo a simple vista.
As prazas —un total de cen— están esgotadas, demostrando o enorme interese que esta actividade que combina lecer e coñecemento esperta entre a cidadanía. De feito, xa non hai posibilidade de reserva para todas as sesións restantes no verán (os seguintes sábados de agosto e o 2 e 16 de setembro).
Se o tempo acompaña e se as condicións son excelentes de visibilidade, ata 100 meteoros por hora poderán contemplar os participantes nesta sesión astronómica da noite do sábado na Cidade da Cultura, xusto na xornada na que se espera a actividade máis intensa, aínda que esta choiva de estrelas das Perseidas pode observarse ao longo de toda a fin de semana.
Como en todas as sesións das Visitas Astronómicas, os participantes aprenderán a identificar as diferentes constelacións coa axuda duns planisferios ao tempo que observarán planetas, cúmulos e estrelas dobres.
Esgotadas todas as sesións
O programa de Visitas Astronómicas continuará o seguinte sábado, 19 de agosto, e tamén o sábado 26. As seguintes sesións terán lugar os sábados, 2 e 16 setembro. No entanto, todas elas teñan as prazas esgotadas desde o mesmo día en que se abriu a inscrición. En total, ao rematar o verán, preto dun milleiro persoas terán pasado polo Gaiás para participar neste programa, que cumpre a súa sétima edición.