Nova: O ciclo Monumenta seguiu os pasos de Domingo Fontán por Santiago de Compostela

05/08/2017
O ciclo Monumenta seguiu os pasos de Domingo Fontán por Santiago de Compostela
Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Educación, participou na andaina dedicada ao xeógrafo
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na andaina da sesión Dous séculos do rostro de Galicia, que o ciclo Monumenta. Andar con arte lle dedica a Domingo Fontán. O programa seguiu os pasos do ilustre xeógrafo, autor do primeiro mapa topográfico científico do territorio de Galicia, a través de espazos emblemáticos como o Panteón de Galegos Ilustres, a Facultade de Xeografía e Historia, a Praza da Quintana, o Colexio de San Xerome ou o Claustro de Fonseca. Logo desta primeira parte centrada nunha ruta urbana, a xornada proseguiu por vías rururbanas e un camiño forestal de ascenso ata o monte Pedroso. Ademais, e para achegarse ás diferentes vertentes da figura de Fontán, o programa contou coa participación de Juan López Bedoya, xeógrafo formado na Universidade de Santiago de Compostela, e Manuel Anxo Freire Boado, cartógrafo, que realizou unha recreación dos traballos científicos de medición do Fontán.
Tras esta primeira sesión, o ciclo Monumenta continuou a súa andaina o domingo 6 de agosto na igrexa de Santa Mariña de Augas Santas, no municipio ourensán de Allariz. As persoas interesadas en participar nas actividades deste ciclo, axeitadas para todos os públicos, deben inscribirse na web https://monumentagalicia.com. A través do portal www.cultura.gal, pódense consultar todas as sesións da programación na Axenda de Cultura de Galicia.