Nova: O Festival Peregrinos Musicais reunirá 12 novos talentos galegos e internacionais

12/07/2017

O Festival Peregrinos Musicais reunirá 12 novos talentos galegos e internacionais

Desde o 12 ao 17 de xullo ofrecerá programa de cinco concertos no Principal, na catedral e no Auditorio de Galicia

A iniciativa, promovida pola Asociación Peregrinos Musicais co apoio da Secretaría Xeral de Cultura, incorpora este ano unha clase maxistral a cargo do violinista Sergey Arutyunyan
 

  • A galega Irene Cebada é unha das futuras novas promesas que participan nofestival
  • Cartel
  • Desde o 12 ao 17 de xullo reunirá 12 novos talentos galegos e internacionais cun programa de cinco concertos no Principal, na catedral e no Auditorio de Galicia Desde o 12 ao 17 de xullo reunirá 12 novos talentos galegos e internacionais cun programa de cinco concertos no Principal, na catedral e no Auditorio de Galicia
  • Desde o 12 ao 17 de xullo reunirá 12 novos talentos galegos e internacionais cun programa de cinco concertos no Principal, na catedral e no Auditorio de Galicia Desde o 12 ao 17 de xullo reunirá 12 novos talentos galegos e internacionais cun programa de cinco concertos no Principal, na catedral e no Auditorio de Galicia

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2017.- O Festival Internacional Peregrinos Musicais reúne na capital de Galicia, desde hoxe e ata o próximo 17 de xullo, un total de 12 novos talentos galegos e internacionais de entre 11 e 20 anos. A sétima edición desta iniciativa, promovida pola Asociación Peregrinos Musicais en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación, arranca cunha programación de cinco concertos e inclúe como novidade unha clase maxistral de violín a cargo do mestre Sergey Arutyunyan.

Na presentación en rolda de prensa da programación, que tivo lugar na capital galega, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou a excelencia das xoves promesas da música que cada ano participan nesta iniciativa, ao tempo que fixo fincapé no interese do festival por favorecer o diálogo artístico entre mozas e mozos de diferentes procedencias, así como por ofrecerlles aos músicos galegos espazos de promoción en escenarios de referencia.

Segundo se explicou na rolda de prensa, que tamén contou coa participación da directora do festival Ilona Timchenko, e mais do director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, dos 12 participantes deste ano, oitos deles “peregrinarán” a Santiago de Compostela desde diferentes puntos de Galicia. Os outros tres solistas proceden de Rusia, malia que un deles é bielorruso radicado en Moscova, e un é filipino residente no Canadá. Deste xeito, Peregrinos Musicais amplía neste encontro os países convidados ao festival, no que xa participaron representantes de Holanda, Estados Unidos, Alemaña, Armenia e Xeorxia, entre outros.

Os peregrinos da sétima edición

Os solistas da sétima edición do festival son Andrea González Pérez (18 anos, Vigo, saxofonista), Carla Gómez Iglesias (11 anos, A Coruña, clarinetista), Daniil Serduyokov (16 anos, Rusia, clarinetista), Irene Cebada Fernández (18 anos, Tui, violinista), Iria Fernández Silva (16 anos, Lugo, violista), Johann Derecho (18 anos, Filipinas, pianista), Marina Hermida Rodríguez (17 anos, Pontevedra, violinista), Alexey Levin (20 anos, Bielorrusia, fagotista), Paula Diz Parrondo (13 anos, Vigo, violinista), Petre Abraham Smeu (15 anos, Oroso, violinista) e Sophia Voronina (11 anos, Rusia, pianista).

Todos os seleccionados teñen un alto nivel de excelencia profesional e foron escollidos polas súas habilidades técnicas e interpretativas mediante unhas esixentes probas que tiveron lugar o pasado mes de maio.

Escenarios do festival

A catedral de Santiago, o Auditorio de Galicia e mais o Teatro Principal serán os escenarios nos que se desenvolverá a programación de concertos da sétima edición do festival. A actuación inaugural realizarase no Principal, onde tamén se levarán a cabo os dous concertos da serie Mestres e Laureados. Neles, o público terá ocasión de desfrutar da interpretación de dous “peregrinos” que participaron no festival en edicións anteriores. Trátase, por unha banda, do violonchelista compostelán Iago Domínguez, que estará acompañado pola pianista Ilona Timchenko, e, por outra, da pianista burelá Estefanía Cereijo, que subirá ao escenario cos profesores Sergey Arutyunyan (violín) e con Timchenko.

Como é tradición, o festival vai contar no seu programa de actividades cun concerto de música clásica na Catedral de Santiago, con entrada gratuíta. Tamén serán de balde o resto dos concertos para os menores de 18 anos.

O final do Camiño terá lugar no Auditorio de Galicia, cun concerto no que os solistas desta sétima terán ocasión de actuar coa Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave.

A Asociación Peregrinos Musicais, que xurdiu no ano 2011 en Santiago de Compostela da man da pianista rusa radicada na capital de Galicia Ilona Timchenko, promove este festival coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e co Concello de Santiago de Compostela, ademais de contar co apoio doutras entidades.

Comparte