Nova: Cultura destina 50.000 euros a apoiar a programación de festivais afeccionados

12/06/2017
Cultura destina 50.000 euros a apoiar a programación de festivais afeccionados
A Consellería publica unha nova convocatoria desta liña de subvencións dirixida a institucións sen fin de lucro, entidades locais e agrupacións de concellos
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina este ano 50.000 euros en axudas para apoiar a realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado. A nova convocatoria de subvencións, que se publicou o pasado venres no Diario Oficial de Galicia, en , está dirixida a institucións sen fins de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos e destínase ao financiamento de gastos correntes.
Promovida pola Secretaría Xeral de Cultura co fin de impulsar a oferta de actividade e a dinamización cultural en todo o territorio, a convocatoria distribúe 30.000 euros para as actividades de institucións sen fin de lucro e 20.000 euros para as iniciativas de entidades locais e agrupacións de concellos.
O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 10 de xullo. A axuda máxima por beneficiario será de 6.000 euros, que en ningún caso poderá exceder o 70% do orzamento total do proxecto que se vaia realizar. Este importe ascenderá a 7.500 euros cando se trate de solicitudes conxuntas de entidades locais baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión etc.).
A comisión encargada de valorar as solicitudes terá en conta como criterios prioritarios a traxectoria e interese cultural e artístico do evento, a súa singularidade e relevancia, a antigüidade, a asistencia de público, a calidade das programacións, as actividades culturais complementarias, a repercusión territorial da iniciativa etc.
Preto de 40 proxectos apoiados en 2016
A VI Semana de Teatro Cómico de Sarria, o Castañazo Rock, o XXII Festival de Bandas de Música de Galicia de Vila de Cruces, a Mostra de Coros Tradicionais de Cantigas e Agarimos e as XIV Xornadas Culturais O Fiadeiro foron algúns dos 38 festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado que se beneficiaron en 2016 destas axudas promovidas pola Xunta de Galicia.
Xunto con esta liña de subvencións, a Secretaría Xeral de Cultura tamén promove unha liña de subvencións para apoiar proxectos municipais destinados a mellorar locais e instalacións de toda Galicia nos que se desenvolve unha programación cultural estable, co obxectivo de favorecer as condicións técnicas e de accesibilidade axeitadas para realización desta actividade.