Nova: Cultura pon en marcha unha nova liña de axudas para apoiar as escolas de música municipais

04/06/2017

Cultura pon en marcha unha nova liña de axudas para apoiar as escolas de música municipais

A nova liña de axudas vai dirixida tanto ás entidades que dependen dos concellos como das asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de poñer en marcha unha nova liña de axudas para apoiar ás escolas de música municipais. A iniciativa, dotada con 300.000 euros, saíu publicada este venres no DOG e pode consultarse no seguinte enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170602/AnuncioG0164-220517-0004_gl.html.

A convocatoria vai destinada a subvencionar o funcionamento tanto das escolas de música dependentes dos concellos como das asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro. No caso das primeiras, a Consellería destinará un total de 250.000 euros e a contía máxima da axuda por beneficiario non poderá superar a cantidade de 40.000 euros. Pola súa banda, para as escolas de música dependentes de asociacións, a achega ascenderá a 50.000 euros, 8.000 de máximo por beneficiario.

Tal e como figura na orde, na valoración de solicitudes teranse en conta aspectos como o número de alumnado matriculado, de especialidades instrumentais impartidas, do profesorado e tempo de dedicación, así como as dimensións das instalacións, o volume do orzamento do centro e o importe total que o centro percibe do alumnado pola impartición das ensinanzas. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes.

Alta demanda destas ensinanzas

En consonancia coa política de apoio aos concellos, a Consellería aprobou esta nova liña de axudas co fin de potenciar o funcionamento dos centros que imparten ensinanzas de música, sobre todo tendo en conta a súa crecente demanda. Ademais, tamén se busca apoiar aquelas iniciativas que implican fomentar, difundir e estender entre a sociedade xeral, e en especial entre o público xuvenil, a ensinanza musical desde unha formación non regrada.

 

Comparte