Nova: Cándido Hermida doa ao Gaiás mobles deseñados en exclusiva para a exposición Da árbore á cadeira

29/03/2017

Cándido Hermida doa ao Gaiás mobles deseñados en exclusiva para a exposición Da árbore á cadeira

A mostra, que se inaugurará o 7 de abril, explora a relación do home cos bosques o percorre o deseño do moble en Galicia

Trinta dos máis importantes arquitectos e deseñadores galegos aportan pezas para esta exposición, comisariada por Carlos Seoane
 

  • Román Rodríguez na inauguración da exposición Román Rodríguez na inauguración da exposición
  • Román Rodríguez na inauguración da exposición Román Rodríguez na inauguración da exposición
  • Román Rodríguez na inauguración da exposición Román Rodríguez na inauguración da exposición

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2017.- O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia acaba de recibir os mobles fabricados en exclusiva e doados polo grupo empresarial galego Cándido Hermida como colaborador da exposición ‘Da árbore a cadeira’, mostra que se inaugurará o 7 de abril no Gaiás e na que se explora a relación do home cos bosques e se ofrece un percorrido polo deseño do moble en Galicia con pezas aportadas por trinta dos mellores arquitectos e deseñadores galegos.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, e Cándido Hermida Campos, fundador e presidente deste grupo empresarial de referencia no seu sector, firmaron esta tarde un convenio de colaboración e visitaron posteriormente os traballos de montaxe da exposición que se están a levar a cabo no Museo Centro Gaiás.

O bosque, a madeira e o mobiliario

Román Rodríguez agradeceu a xenerosa colaboración do grupo Cándido Hermida e a súa implicación nun proxecto artístico que permitirá darlle visibilidade á creatividade acadada por arquitectos e deseñadores galegos, e que dirixirá a ollada dos visitantes sobre a riqueza medioambiental dos bosques, así como sobre a tradición en Galicia dos oficios vinculados ás artes da madeira.

Comisariada polo arquitecto galego Carlos Seoane, autor do deseño dos mobles fabricados por Cándido Hermida, ‘Da árbore á cadeira’ propón unha viaxe emocional da materia ao produto, da madeira ao mobiliario doméstico. A exposición ofrece unha viaxe polo deseño desde os pioneiros (Isaac Díaz Pardo, Alejandro e Jesús de la Sota e Xosé Bar Bóo) ate os contemporáneos, entre os que se atopan moitos dos grandes arquitectos e deseñadores galegos, como Manuel Gallego Jorreto, Irisarri e Piñera, Noguerol e Díaz, Iago Seara, Carlos Quintás, Creus e Carrasco, Tomás Alonso, Elías Cueto, Lucía Buceta ou Iñaki Leite.

Grupo empresarial de referencia

 

O grupo Cándido Hermida, cun cadro de 500 traballadores e presenza en 77 países diferentes, é hoxe unha referencia indiscutible no sector, ademais de ser unha das compañías galegas con máis proxección internacional, con clientes como Inditex, Tiffany ou o Museo Nacional de Qatar.

A compañía comezou a súa andaina en 1984 coa apertura dun modesto taller de ebanistería no que se realizaba mobiliario a medida. Desde entón son numerosos os galardóns que teñen recoñecido a traxecto de Cándido Hermida Campos e o seu equipo liderando unha empresa que hoxe ten dúas fábricas de madeira, dúas de metal e unha de rotulación.

O mobiliario fabricado polo grupo Cándido Hermida foi deseñado por Carlos Seoane, como pezas exclusivas para este proxecto. O banco-oruga, a mesa-araña ou o banco cadrado, entre outros deseños, forman parte dunha montaxe na que Seoane converte os propios soportes nos que se exhiben as obras da exposición en pezas artísticas, xerando unha atmosfera de sensacións en torno á madeira.

Comparte