Nova: O Pergamiño Vindel exporase no Museo do Mar de Galicia en Vigo

03/03/2017

O Pergamiño Vindel exporase no Museo do Mar de Galicia en Vigo

Esta é a primeira vez desde a década de 1970 que o pergamiño coas sete cantigas de amigo de Martín Códax sae da Morgan Library Museum de Nova York

A mostra estará aberta ao público no Museo do Mar de Galicia entre outubro de 2017 e marzo de 2018

O reitor considera que “o regreso a Vigo da obra de Martín Códax será, sen dúbida, un acontecemento cultural único”

O conselleiro destacou a calidade do ‘Pergamiño Vindel’ como símbolo de Galicia e a idoneidade de expoñelo no Museo do Mar de Galicia, a carón do mar que serviu de inspiración ao trobador medieval
 

Vigo, 3 de marzo de 2017.- A Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia, representados polo reitor, Salustiano Mato, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, anunciaron en rolda de prensa a exposición do ‘Pergamiño Vindel’, un dos cumios da literatura medieval galego-portuguesa, no Museo do Mar de Galicia en Vigo. A mostra, que estará aberta ao público entre outubro de 2017 e marzo de 2018, terá como peza central o pergamiño orixinal, datado a finais do século XIII ou principios do XIV, que contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax (seis delas con notación musical), no que o trobador galego canta a Vigo e ao seu mar.

Despois de corenta anos depositado na Morgan Library Museum, de Nova York, o ‘Pergamiño Vindel’ abandonará por primeira vez a cidade dos rañaceos para retornar a Vigo, á contorna que lle serviu de inspiración ao trobador. Atrás quedan máis de dous anos de negociacións entre os responsables da prestixiosa biblioteca e a Universidade de Vigo, que fixo súa a suxestión da asociación cultural viguesa Pertenza para que o ‘Pergamiño Vindel’ puidese ser exposto na cidade olívica, o que suporía algo que ata entón nunca ocorrera: a saída do pergamiño do museo do que é propiedade desde a década de 1970.

Desde o mesmo momento no que a Universidade de Vigo propuxo como sede para albergar o pergamiño o Museo do Mar de Galicia, a institución académica e a Xunta de Galicia, propietaria do inmoble, traballaron contra reloxo para validar tecnicamente a ubicación perante a Morgan, que deu o visto e prace ao Museo, que satisfai todos os requirimentos técnicos e adáptase perfectamente á temática das cantigas do Vindel.

O texto orixinal

 O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, agradeceulle ao reitor da Universidade de Vigo ter impulsado e levado “a bo porto” as negociacións para que unha das institucións culturais de maior prestixio de todo o mundo como é a Morgan Library de Nova York accedese a ceder o pergamiño.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, agradeceu a disposición da Xunta de participar na iniciativa para facer realidade este proxecto expositivo no Museo do Mar de Galicia, que acollerá o documento orixinal das sete cantigas de amigo de Martín Códax, no que o trobador galego canta a Vigo e ao seu mar, e asegurou que “o regreso a Vigo do pergamiño, sete séculos despois da súa creación, será sen dúbida un acontecemento cultural único e polo tanto un dos máis salientables que vivirá Galicia neste comezo do século XXI”.

Román Rodríguez destacou que as cantigas de Martín Códax son, ao tempo, un dos berces da nosa lingua propia, un dos textos fundacionais das letras galegas e unha das máis perfectas realizacións literarias de toda a nosa historia. E definiu este documento como “un símbolo de Galicia, algo do que sentirnos moi orgullosos”.

A Xunta de Galicia farase cargo de todo o que teña que ver co proxecto expositivo: seguro, transporte, deseño, museografía, instalación e montaxe e desmontaxe no Museo do Mar de Galicia, un centro xestionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que, finalmente, será o lugar que acolla esta mostra, comisariada polo investigador e historiador Francisco Singul.

Xunto ao reitor e o conselleiro, participaron na rolda de prensa o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Ínsua; e o director do Museo do Mar de Galicia, Vicente Caramés. Tamén asistiu ao acto o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves.

“Ondas do mar de Vigo”

Román Rodríguez referiuse tamén ao feito de que o Museo do Mar de Galicia, sito en Alcabre, ao pé da ría viguesa, sexa o lugar perfecto para amosar esta xoia literaria “que, como saben comeza co célebre verso ‘Ondas do mar de Vigo...’, o primeiro da primeira cantiga de amigo recollida no ‘Pergamiño Vindel’. E rematou a súa intervención subliñando que “estamos a falar dun fito cultural da máxima importancia para Galicia. ”O regreso do ‘Pergamiño Vindel’ a Vigo, cruzando de novo o Atlántico para retornar ao lugar que serviu de inspiración ao propio Martín Códax”.

O ‘Pergamiño Vindel’, no que o nome de Martín Códax aparece na parte superior, foi escrito en tinta negra e os pentagramas en vermello, mentres que as iniciais están ornamentadas en vermello e azul.

Escrito por unha soa cara a catro columnas con 26, 24, 23 e 17 liñas respectivamente e cunha dimensión de 34 x 45 centímetros, nada se soubo da obra de Martín Códax durante séculos ata que en 1914 o comerciante madrileño de libros antigos Pedro Vindel atopouno na garda interior dun exemplar do século XIV, aínda que encadernado no XVIII, do libro De officiis de Cicerón. O diplomático e musicólogo Rafael Mitjana comprou o pergamiño con intención de estudar a súa música e despois da súa morte foi adquirido polo bibliófilo Otto Hass e posteriormente posto á venda en Londres, onde foi adquirido pola J. Pierpont Morgan Library, onde permanece desde o ano 1977 coa sinatura MSM.979, a disposición dos estudosos que desexen traballar con el.

Exposición Berce da nosa cultura e actividades paralelas

O retorno a Vigo da obra de Martín Códax vai moito máis aló da exposición ao público do ‘Pergamiño Vindel’ entre o 6 de outubro de 2017 e o 4 de marzo de 2018. De feito serán cinco meses nos que se desenvolverá un ambicioso programa de actividades para facer partícipe a toda a cidadanía deste acontecemento cultural único, que permitirá estimular a curiosidade e o interese da sociedade sobre a figura de Martín Códax e a súa obra.

Así, ademais de acoller o ‘Pergamiño Vindel’, nunha furna especialmente deseñada para a ocasión, o Museo do Mar ofrecerá, nunha sala especialmente acondicionada, a exposición Berce da nosa cultura con obras vencelladas ao pergamiño, ao mar, aos trobadores galegos, a súa obra e a súa época. Concertos, congresos internacionais e visitas escolares, son outras actividades que se desenvolverán con motivo do retorno do ‘Pergamiño Vindel’ a Galicia.
 

Comparte