Nova: Cultura e Educación inicia mañá na Coruña o programa formativo do Centro Coreográfico Galego cun obradoiro sobre Gyrokinesis e a súa aplicación á danza clásica

29/06/2014

Cultura e Educación inicia mañá na Coruña o programa formativo do Centro Coreográfico Galego cun obradoiro sobre Gyrokinesis e a súa aplicación á danza clásica

Da man da bailarina e actriz Eva Pérez Atienza, un total de 18 alumnos achegaranse a este método dirixido a alcanzar a simetría corporal e a gañar flexibilidade e forza

Continúa aberta a inscrición para o curso de composición coreográfica que Ángel Rodríguez impartirá na sede da ESAD en Vigo do 21 ao 25 de xullo, mentres que só quedan prazas de alumnos oíntes para o de danza clásica con Virginia Valero no CCG

Un encontro co mestre cubano Lázaro Carreño completará na primeira semana de decembro o plan de formación da unidade de danza da Xunta

A Coruña, 29 de xuño de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dá comezo mañá ao plan formativo do Centro Coreográfico Galego (CCG) para 2014 co obradoiro Gyrokinesis e danza clásica adaptada, que a bailarina e actriz Eva Pérez Atienza impartirá ata o venres 4 de xullo na sede coruñesa da unidade de danza da Xunta de Galicia.

Un total de 18 alumnos de toda a Comunidade autónoma, entre os que se atopan profesores de danza, bailaríns profesionais e estudantes, terán a oportunidade de se achegar ao método Gyrokinesis, no que se prima o movemento ondulatorio, circular e rítmico para darlle ao corpo fluidez, harmonía, vitalidade e benestar interior. Ideado polo bailarín Juliu Horvath, o seu obxectivo é alcanzar a simetría corporal e gañar en flexibilidade e forza a partir dos principios do ballet, a natación, a ximnasia, o Kundalini Yoga e o tai chi.

Eva Pérez Atienza, quen tras unha destacada traxectoria como bailarina profesional se centrou na pedagoxía e na súa formación no ámbito da saúde e da kinesioloxía, é profesora certificada de Gyrokinesis e Gyrotonic. As cinco sesións que conducirá na Coruña comezarán cunha primeira parte especificamente centrada nos movementos tridimensionais de Gyrokinesis, a través dos que se traballan os sete movementos naturais da columna e se busca a conexión do corpo ao completo estimulando en sintonía os sistemas respiratorio, circulatorio e nervioso. Nunha segunda parte, abordarase a aplicación desta metodoloxía á práctica da danza clásica.

En prazo de inscrición
Este é o primeiro dos obradoiros inseridos no plan de formación 2014 do Centro Coreográfico Galego, no marco do que este mes de xullo se ofertan outros dous cursos de danza clásica con Virginia Valero e de composición coreográfica con Ángel Rodríguez. Nestes momentos e cando xa se esgotaron as 20 prazas convocadas, aínda permanece aberto o prazo de solicitude para os alumnos que desexen asistir en calidade de oíntes ás clases que a mestra Valero, directora do Conservatorio Superior de Danza de Madrid María de Avila desde 2006, ofrecerá do 14 ao 18 de xullo na Coruña.

Ao tempo, mantense ata o 7 de xullo o período de inscrición para o curso que Ángel Rodríguez impartirá na sede da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática) en Vigo durante a semana do 21 ao 25 de xullo. Coreógrafo e mestre de formación e traxectoria ecléctica, Rodríguez foi adxunto á dirección do Ballet Carmen Roche, ademais de ter creado pezas para destacadas compañías dentro e fóra de España, como a Nacional de Danza, a de Rafael Amargo, o Balllet do Teatro Mijáilovski de San Petesburgo ou o propio Centro Coreográfico Galego, para o que en 2011 asinou Dulce memoria como parte do espectáculo 3DTres.

Pola súa banda, o mestre cubano Lázaro Carreño, quen durante tres décadas percorreu todo o mundo como primeiro bailarín do Ballet Nacional de Cuba, será o encargado de pechar este programa co obradoiro Danza clásica e técnica de puntas, que terá lugar na Coruña durante a primeira semana do mes de decembro. Neste caso, o prazo de solicitude abrirase un mes antes do comezo do encontro.

Dirixidos a profesionais da danza e a estudantes de nivel alto-medio, estes obradoiros insírense na liña de traballo que o Centro Coreográfico desenvolve no ámbito da formación continua e da creación de públicos. Neste terreo enmárcanse tamén iniciativas como as postas en escena de A bela adormecida e o Quebranoces, xunto a conservatorios e escolas de danza de toda Galicia ou as clases abertas na súa sede, entre outras.

Comparte