Nova: A Xunta fomenta a visibilidade dos novos talentos musicais nas salas galegas mediante o ciclo ‘Primeira Fila’

17/11/2026

A Xunta fomenta a visibilidade dos novos talentos musicais nas salas galegas mediante o ciclo ‘Primeira Fila’

A proposta reúne nove concertos entre maio de 2026 e maio de 2027 e propón unha programación descentralizada en colaboración con diferentes

9Louro, Monoulious DOP, Eladio y los Seres Queridos, Capital Voskov, Taïn, Marisa Valle Roso, Santi Araújo, Carla Lourdes, Javier Lago e Camellos protagonizan as próximas citas

A Coruña, 17 de novembro de 2026

A Xunta fomentará a visibilidade de novos talentos musicais mediante o ciclo Primeira Fila, impulsado pola Fábrica de Chocolate coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude co obxectivo de apoiar a proxección de artistas e bandas e facilitar o seu encontro co público nas salas de concertos de Galicia. Así o deu a coñecer o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, na rolda de prensa celebrada hoxe na Coruña para presentar esta proposta.

Tal e como explicou Jacobo Sutil, esta iniciativa busca dar visibilidade a proxectos con identidade propia e abrir oportunidades para o seu desenvolvemento profesional. Para iso, conta cunha programación que combina novos proxectos con artistas de maior traxectoria, ademais de propoñer un espazo de descubrimento musical e de colaboración entre músicos, salas e espectadores.

Con este fin, o ciclo, que arrincou en maio e xa percorreu as salas de Melide e Santiago de Compostela, continuará en xaneiro con sete novas propostas. A actividade retomarase o 21 de xaneiro de 2027 en La Conservera, Viveiro (Lugo), con 9Louro e Monoulious DOP. No mesmo espazo actuarán Eladio y los Seres Queridos e Capital Voskov, o 13 de febreiro, así como Marisa Valle Roso, o día 20 dese mes. Tamén o 20 de febreiro, Taïn ofrecerá un concerto na Sala Jagger, na capital lucense, mentres que Santi Araújo estará o 27 de febreiro na Sala Arca de Noé, en Vilar de Santos (Ourense).

O programa completarase coa actuación conxunta de Carla Lourdes e Javier Lago, o 5 de marzo na Sala Riquela, en Santiago de Compostela, e co concerto de Camellos, o 14 de maio, na Sala Mardi Gras, na Coruña. As entradas están á venda a través de Ataquilla.com.

Primeira fila é un dos nove ciclos incluídos na liña de axudas da Xunta para concertos en salas privadas, xurdido das axudas para a súa realización acordadas entre a Xunta de Galicia e o sector. Nesta ocasión, a convocatoria dotada con preto de 360.000€ lanzouse para o bienio 2026-2027 co obxectivo de favorecer a actividade continuada destes espazos, que facilitan o contacto directo entre os artistas e a cidadanía e ofrecen un marco para a creación de públicos e o crecemento dos proxectos musicais, así como a profesionalización do sector.

Comparte