Nova: A biblioteca provincial da Xunta en Lugo acolle o ciclo de narración oral ‘Risas con raíces. O humor da nosa terra’
16/11/2026
A biblioteca provincial da Xunta en Lugo acolle o ciclo de narración oral ‘Risas con raíces. O humor da nosa terra’
Caxoto abre mañá unha programación que se desenvolverá ata xaneiro e contará tamén con Vero Rilo, Quico Cadaval, María da Pontragha e Paula Carballeira
Lugo, 16 de novembro de 2026
A Biblioteca Pública Provincial de Lugo organizou o ciclo de narración oral “Risas con raíces. O humor da nosa terra”, integrado por cinco espectáculos que teñen como elemento común o recurso ao humor e á retranca para contar historias e retratar as relacións sociais, os costumes e as experiencias da vida cotiá.
O centro, xestionado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, abre un espazo para as artes escénicas, no que se ofrece visibilidade a profesionais da narración oral e do teatro e se pon en valor a lingua galega como vehículo natural de creación artística e comunicación.
As sesións terán lugar no salón de actos ao longo das próximas semanas, sempre en mércores e con inicio ás 20:00 horas; a entrada será libre e gratuíta ata completar aforo.
O encargado de abrir a programación, mañá día 18, será Caxoto co espectáculo “De aló de onde eu veño”, unha mirada ás orixes, referentes ou camiños percorridos. O 2 de decembro Vero Rilo porá en escena “Elas”, unha selección de historias de vida que dan voz ás mulleres. “Quico Cadaval conta vacas, guerras, porcos e cregos” chega o 16 de decembro, unha proposta na que o artista relata as vivencias de Xuán o Fino e dos numerosos coprotagonistas da rodeada.
María da Pontragha representa o día 13 de xaneiro “Coa palabra na boca”, que a través da palabra e a música de tradición oral fala de heroínas anónimas; e pechará o ciclo Paula Carballeira o 17 de xaneiro cos contos de “Camiños de terra”.
