Nova: Anxo M. Lorenzo salienta a contribución dos arquivos públicos na preservación e difusión do patrimonio fotográfico de Galicia
09/11/2026
Anxo M. Lorenzo salienta a contribución dos arquivos públicos na preservación e difusión do patrimonio fotográfico de Galicia
A mostra da Consellería de Cultura Lingua e Xuventude, que pode visitarse ata a primeira semana de marzo 2027, exhibe unhas 140 fotografías, das 70.000 do fondo do autor
Lugo, 9 de novembro de 2026
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na apertura da exposición Polos camiños da vida: o fondo fotográfico Santy López, no Arquivo Histórico Provincial de Lugo, na que puxo en valor “a relevante contribución dos arquivos públicos na preservación e difusión do patrimonio fotográfico que posúe Galicia”.
Precisamente, o representante da Xunta explicou que esta mostra, que poderá visitarse ata a primeira semana de marzo de 2027, está integrada polo fondo fotográfico con 70.000 imaxes, doado polo propio fotógrafo Santy López á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en 2023 para a súa custodia no Arquivo Histórico Provincial de Lugo.
Anxo M. Lorenzo salientou que se trata dun fondo moi amplo e precisou que para a mostra se escolleron un total de 140 imaxes, que están exhibidas agrupadas en oito seccións, que abarcan cronoloxicamente desde os últimos anos da década dos 70 do pasado século ata o 2022, “co gran valor histórico e documental que isto supón para obter un maior coñecemento da sociedade de finais do século XX ata a actualidade”. Ademais, destacou as vencelladas co Camiño de Santiago, o fotoxornalismo ou vinculadas coa súa colaboración con distintos escritores e artistas.
Finalmente, o director xeral de Cultural subliñou que, con esta chegada, o arquivo aumentou considerablemente o número de fotografías de Sarria e a súa comarca, así como do Camiño de Santiago custodiadas neste centro público, “co que se consegue acrecentar o acervo documental conservado nos arquivos públicos galegos para o beneficio e desfrute da cidadanía”.
Polos camiños da vida: o fondo fotográfico Santy López enmárcase dentro do programa da Xunta As exposicións de 2026 como motor cultural da Galicia Calidade, que conta neste ano con máis de 70 mostras en 18 equipamentos clave a nivel cultural e artístico e que configura a aposta continuada do Goberno galego polo acceso á cultura, a formación da cidadanía e a difusión da creación galega.
