Nova: A Xunta impulsa a programación do Centro Dramático Galego en novembro con preto de 60 funcións
04/11/2026
A Xunta impulsa a programación do Centro Dramático Galego en novembro con preto de 60 funcións
As producións e coproducións da unidade teatral pública chegarán a escenarios de diferentes cidades galegas, de Portugal e do Uruguai
‘A gaivota, ensaio aberto’ inicia tempada en Montevideo e ‘Auto da Barca do Inferno’ permanecerá en cartel no Teatro Nacional São João ata decembro
A actividade continuará na segunda metade do mes con funcións en Romanía, Braga, Viana do Castelo, Ames, Corcubión e en Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2026
A Xunta impulsa a actividade do Centro Dramático Galego durante o mes de novembro cunha intensa programación escénica cun circuíto de preto de 60 funcións dentro e fóra de Galicia que levará estas representacións por diferentes localidades da Comunidade e tamén a escenarios de Portugal, Romanía e do Uruguai.
Deste xeito, no ámbito internacional, A gaivota, ensaio aberto volverá ao Teatro El Galpón de Montevideo cun elenco local e representacións do 5 de novembro ao 11 de decembro. Serán un total de doce funcións, os xoves e venres, desta coprodución do Centro Dramático Galego con Crémilo, Colectivo 84, o Teatro San Martín de Buenos Aires e o Teatro El Galpón de Montevideo.
Portugal será outro dos principais destinos da programación con E se o meu coração parar. Esta coprodución con Tremor Teatro, poderá verse o 7 de novembro no Centro Cultural Raiano de Idanha-a-Nova e os días 13, 14 e 15, na Estufa Fria de Lisboa.
Pola súa banda, Auto da Barca do Inferno, coprodución co Teatro Nacional São João, estrearase o 12 de novembro no Porto, onde permanecerá en cartel ata o 13 de decembro. Esta tempada desenvolverase de mércores a domingo e contará cun total de 24 funcións.
O circuíto por Portugal continuará o xoves 19 con A serie Clopen, coprodución con Pistacatro Produtora de Soños, no Theatro Circo de Braga. Ese mesmo día, Dolce far niente, en coprodución con Desattada e Nononon.lab, presentarase no Teatro Municipal Sá de Miranda de Viana do Castelo, no marco do 10º Festival de Teatro de Viana do Castelo.
Ademais, A gaivota, ensaio aberto participará no Festival Interferences de Cluj-Napoca, en Romanía, con dúas representacións a cargo do elenco galego orixinal o día 18.
Estreas e circulación polos escenarios galegos
En canto á programación en Galicia, a unidade teatral da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contará entre as súas citas destacadas coa estrea absoluta de A culpa, coprodución con Estudo Momento e a Orquestra Sinfónica de Galicia, que se presentará os días 7 e 8 de novembro, no Teatro Jofre de Ferrol.
Pola súa banda, Santiago de Compostela acollerá a estrea de No Kings, parte I: Molestia, os días 14 e 15 de novembro, na Cidade da Cultura. Trátase dunha coprodución do Centro Dramátitico Galego coa Associação Cultural Turbina, o Teatro Nacional de Luxemburgo e o Teatro São Carlos de Lisboa.
Ademais, a actividade estenderase tamén á Coruña e á Costa da Morte o venres 6. A fortaleza, coprodución con A Feroz, chegará ao Auditorio do Fórum Metropolitano, mentres que Costa da Morte, cartografía dun naufraxio, en coprodución con Mariña Lestón, se representará no Auditorio do Centro Cívico de Malpica.
Engádeselle a este calendario, A furia da amanita, coprodución con Redrum Teatro, que poderá verse o sábado, día 7, no Auditorio Municipal de Vigo; As formas do amor, en coprodución con Verdeveras Expresións Artísticas, que chegará o domingo 8 á Casa da Cultura A Picota de Mazaricos e, o sábado 14, á Casa da Cultura de San Sadurniño. Ese mesmo día, Memorias dun neno labrego, coprodución con Contraproducións, continuará a súa xira en Ourense.
Cómpre salientar que, na segunda metade do mes chegará E se o meu coração parar, o 17 de novembro ao Salón Teatro de Santiago de Compostela dentro das Quintas do Camões e, o 19 de novembro, Territorio regueifa, coprodución con Ainé Producións e o FIOT, chegará á Casa da Cultura de Bertamiráns, en Ames. Por último, o sábado 21, Costa da Morte, cartografía dun naufraxio terá unha nova función na Casa da Cultura de Corcubión.
