Nova: López Campos erixe o sector musical como “un dos destacados motores culturais de Galicia” na entrega dos II Premios Palco

03/11/2026

López Campos erixe o sector musical como “un dos destacados motores culturais de Galicia” na entrega dos II Premios Palco

O representante do Goberno galego salienta o seu “gran momento” que atribúe a “madurez, diversidade, talento e excelencia” dos profesionais e proxectos artísticos

A Xunta apoia a organización destes recoñecementos impulsados pola Asociación Galega de Empresas Musicais, que agrupa 59 compañías, artistas e axentes

Destaca a importancia destas distincións para “por en valor e darlles visibilidade a traxectorias e proxectos neste eido que son exemplo para o avance profesional”

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu hoxe o sector musical como “un dos destacados motores culturais de Galicia”. Fíxoo na gala de entrega dos II Premios Palco, impulsados pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) co apoio da Xunta, co obxecto de “pór en valor e darlles visibilidade a traxectorias e proxectos neste eido que son exemplo para o avance profesional”.

Acompañado polos directores de Turismo de Galicia, Xosé Merelles e da Axencia Galega das Industrias Audiovisuais, Jacobo Sutil, o representante do Goberno galego salientou o “gran momento” que está a vivir a música galega e que atribuíu á “madurez, diversidade, talento e excelencia” tanto dos proxectos artísticos como dos profesionais do sector da Comunidade.

Nesta liña, destacou o “elevada asistencia de público, as boas críticas e numerosos recoñecementos” das iniciativas e artistas que fan uso do galego, “demostrando a máis que sobrada validez do noso idioma para calquera expresión artística e musical e, sobre todo, para así facerllo ver as xeracións máis novas”. Precisamente, entre as 17 categorías do certame, o grupo The Rapants, cun repertorio de temas interpretados en galego, fíxose co premio ao Artista do Ano, que foi entregado polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude. De igual xeito, tamén foron distinguidos a Fundación Paidea e, por votación popular, o festival Surfing The Lérez resultou gañador, por segundo ano consecutivo, do galardón á Excelencia na Experiencia do Público.

Os II Premios Palco, antes denominados da Industria Musical de Galicia, son resultado da colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa Asociación Galega de Empresas Musicais, colectivo no que se agrupa na actualidade 59 empresas e profesionais do sector na defensa dos seus intereses respecto á xestión cultural e aos espectáculos vinculados coa música ao vivo.

Os galardóns nacen no marco do plan estratéxico para a industria musical galega e teñen como obxectivos visibilizar e poñer en valor traxectorias e proxectos que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade, e que son exemplo para o avance profesional no eido musical desde unha óptica eminentemente empresarial.  Neste senso, a súa finalidade é tamén recoñecer valías individuais e colectivas que están a fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico.

Comparte