Nova: A Xunta pon en valor os 40 anos de traxectoria do videoxogo galego cunha mostra na Cidade da Cultura
03/11/2026
A Xunta pon en valor os 40 anos de traxectoria do videoxogo galego cunha mostra na Cidade da Cultura
A proposta reúne máis de 60 pezas que permiten contar unha parte da evolución cultural e tecnolóxica da Comunidade a través das súas propias creacións
López Campos sinala que esta iniciativa “visibiliza o talento galego arredor deste sector recuperando obras e proxectos que contribuíron á evolución do sector e na nosa lingua”
A mostra pode visitarse de balde na Biblioteca de Galicia ata o vindeiro mes de maio de 2027
Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou esta mañá na apertura da exposición O videoxogo galego: unha viaxe interactiva por 40 anos de patrimonio cultural como parte da programación do Día das Bibliotecas, que se celebrou o pasado mes de outubro. A mostra, que se poderá visitar na Biblioteca de Galicia ata o vindeiro mes de maio, reúne máis de 60 pezas que permiten contar unha parte da evolución cultural e tecnolóxica da Comunidade a través das súas propias creacións.
Na súa visita, López Campos salientou a importancia de “visibilizar o talento galego arredor do videoxogo recuperando obras e proxectos que contribuíron á evolución do sector, e tamén empregando a nosa lingua”. Ademais, fixo fincapé no gran papel que desenvolven as bibliotecas como institucións tamén encargadas da conservación e difusión do patrimonio documental galego. No acto estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e os comisarios da mostra, Lorenzo Castro e Charo López, técnicos da Biblioteca de Galicia.
O proxecto nace da colaboración entre a Biblioteca de Galicia e a Fundación Museo do Videoxogo (MUVI) e reúne fondos propios e pezas cedidas por esta institución como vídeos, demos automatizadas, secuencias de xogo e recursos dixitais para ofrecer unha experiencia accesible a diferentes públicos e contribuír á visibilización, preservación e contextualización do patrimonio que conforma o videoxogo galego deste tipo de xogos electrónicos.
40 anos de historia
A exposición estrutúrase de maneira cronolóxica e temática en once bloques que percorren catro décadas de historia, desde a etapa pioneira iniciada a mediados dos 80, marcada pola autoaprendizaxe e os microordenadores como o MSX, ata a actualidade, caracterizada pola profesionalización do sector e pola distribución dixital global.
A viaxe comeza con The Wall (1986), considerado o primeiro videoxogo galego e pioneiro en integrarse nos circuítos profesionais españois. Nos anos 90 e comezos do século XXI xorden obras con forte identidade ou carácter educativo, como Cuban Mission —primeiro videoxogo comercializado en galego—, o exitoso A grande aventura de Merliño, con grande distribución en escolas e inspirado en lendas galegas, ou Glest, referente de código aberto e innovación técnica en 3D. Xa na actualidade, a madurez do sector tradúcese en éxitos de proxección internacional coma o recoñecido Yuppie Psycho, a saga automobilística Super Woden ou novas creacións académicas como Gelatina is Hungry.



