Nova: López Campos destaca “o enriquecemento cultural con propostas internacionais” da Fundación Barrié
23/10/2026
López Campos destaca “o enriquecemento cultural con propostas internacionais” da Fundación Barrié
A Coruña, 23 de outubro de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, agradeceu hoxe que a Fundación Barrié “contribúa unha vez máis ao noso enriquecemento cultural achegando ao público galego interesantes propostas de nivel internacional”. Así o destacou durante a súa participación no acto de apertura da exposición El Bosco y Bruegel. Un viaje a mundos fantásticos, que poderá verse na sede da institución na Coruña ata o 24 de xaneiro.
Así, o representante da Xunta de Galicia destacou que as entidades culturais galegas sexan quen “de traer á nosa terra proxectos expositivos en primicia en España” como é o caso desta mostra que reúne 85 gravados, augafortes e xilografías da colección do Museum Boijmans Van Beuningen de Róterdam. Trátase dunha selección de obras gráficas que poñen en relación o universo visual do dous artistas, permitindo coñecer as técnicas do gravado no norte de Europa no século XVI.
