Nova: A Xunta recupera restos da idade do bronce na Cova Eirós que certifican o seu uso funerario
30/09/2026
A Xunta recupera restos da idade do bronce na Cova Eirós que certifican o seu uso funerario
Os achados pertencen á campaña arqueolóxica impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración coa Universidade de Santiago, da de Oviedo e da Rovira i Virgili de Tarragona
Os descubrimentos permiten ampliar os períodos de ocupación deste enclave, máis antigas do Paleolítico medio
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2026
A campaña arqueolóxica impulsada pola Xunta de Galicia na Cova Eirós e na veciña Gruta dos Bloques, no concello lucense de Triacastela, localizou varios restos humanos da Idade do Bronce neste xacemento, o que permite aumentar o seu coñecemento histórico ampliando os períodos de ocupación no enclave e descubrindo o uso das súas cavidades como lugares de enterramento.
Trátase duns traballos realizados no marco do Plan de actuacións arqueolóxicas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración co grupo do GEPN-AAT da Universidade de Santiago de Compostela, do Institut Català de Paleocologia Humana i Evolució Social-CERCA da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona, e da Universidade de Oviedo, e que pretenden seguir avanzando na investigación, na conservación e na posta en valor do patrimonio máis senlleiro de Galicia.
Así, grazas ás tarefas de escavación levadas a cabo este verán confirmouse a existencia na cova de ocupacións máis antigas do Paleolítico medio. En concreto, a intervención no novo nivel 5 aportou novos materiais arqueopaleontolóxicos das ocupacións paleolíticas no sector da entrada que axudan a afondar no coñecemento sobre os Neandertais que habitaron as Serras Orientais hai máis de 45.000 anos. Estes grupos utilizaron esta cova como campamento durante estadías relativamente curtas, por iso é o nivel onde se atopa unha maior cantidade e densidade de restos arqueolóxicos como é o caso de lascas, raspadeiras e os restos da súa manufactura.
Ademais, nas cavidades do Monte Penedo, veciñas a Cova Eirós, descubriuse a presenza dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce, o que certifica o uso funerario destas covas entre o 1.600 e 1.500 a.C. Neste senso, na coñecida como Gruta dos Bloques recuperáronse máis de 50 restos óseos que, tras os estudos antropolóxicos pertinentes, indican que pertencen a un único individuo infantil de entre 6 e 8 anos de idade. Asociado aos restos humanos, recuperáronse tamén fragmentos cerámicos decorados que remiten a momentos da Idade do Bronce.
Os achados amosan a importancia das covas para estas comunidades, non só como lugar de hábitat, senón como espazos funerarios, e aportan novos datos para entender a variabilidade das prácticas funerarias na Idade do Bronce no noroeste, nun momento no que noutros lugares de Galicia enterraban en cistas, en pequenos túmulos ou aproveitando antigos monumentos megalíticos.

