Nova: A Xunta consolida a residencia artística ‘Nortear Ilustrado’ para seguir a fornecer vencellos culturais co norte de Portugal
29/09/2026
A Xunta consolida a residencia artística ‘Nortear Ilustrado’ para seguir a fornecer vencellos culturais co norte de Portugal
A iniciativa volve celebrarse na Illa de San Simón, do 6 ao 9 de outubro, coa participación dos creadores galegos Alariko, Emma Ríos e Clara Artiaga e as portuguesas Mar Correia, Cristiana Carvas e Cláudia Martins
Anxo M. Lorenzo salienta a contribución do encontro para a “circulación da cultura entre ambas rexións” e “potenciar e visibilizar o talento que posúen nesta disciplina”
Contará cunha xornada na que os profesionais participantes impartirán obradoiros a alumnado das tres escolas de arte e superior de deseño de Galicia
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe a oitava edición da residencia artística Nortear Ilustrado San Simón, “coa que o Goberno galego consolida esta iniciativa para seguir fornecendo vencellos culturais co norte de Portugal”, xa que reunirá na Illa de San Simón, do 6 ao 9 de outubro, a seis artistas de ambas rexións co obxecto de “propiciar un intercambio e coñecemento cultural mutuo”.
Na presentación da iniciativa na Cidade da Cultura, o representante do Goberno galego puxo en valor esta residencia xa que contribúe a “circulación cultural entre ambas rexións”, ao tempo que posibilita “potenciar e visibilizar o talento existente e que posúen os e as creadores nesta disciplina”.
Precisamente, Anxo M. Lorenzo salientou a “maioritaria participación feminina” nesta edición, “na que cinco das seis artistas son mulleres”. Así, precisou que por parte de Galicia a residencia contará con Alariko, Emma Ríos e Clara Artiaga, mentres que Mar Correia, Cristiana Carvas e Cláudia Martins, serán as participantes portuguesas neste encontro na Illa de San Simón.
Precisamente, o director xeral de Cultural destacou a gran variedade de propostas que se levan a cabo neste enclave e que promoven actividades relacionadas coa arte, a literatura ou a tradución. Neste senso, adiantou que esta iniciativa, baixo a temática de traballo A Arquitecturas, afondará na creación artística no ámbito da ilustración e o deseño gráfico.
Exposición coas obras resultantes
A residencia desta edición, coordinada polo ilustrador galego Miguel Robledo, desenvolverase durante catro xornadas nas que os profesionais participantes realizarán diversas actividades co propósito de fortalecer o coñecemento mutuo do sector e producir obra plástica orixinal inspirada na illa empregando como soporte a libreta Moleskine e, como materiais, lapis de grafito e acuarelas. Como resultado da súa estancia nesta residencia artística, producirán cadanseu caderno de autor, que se sumarán á colección de materiais xerados en anteriores edicións e que serán expostos nunha mostra.
Participación de estudantes das Escolas de Arte e Superior de Galicia
Ademais, nunha das catro xornadas estarán presentes tres grupos de estudantes procedentes das Escolas de Arte e Superiores de Deseño Pablo Picasso da Coruña, Antonio Faílde de Ourense e Ramón Falcón de Lugo, que terán a oportunidade de coñecer de primeira man a traxectoria profesional dos creadores convidados, compartir con eles un espazo de conversa e debate, ademais de participar en obradoiros impartidos por eles.
Esta residencia encádrase no programa de intercambio cultural entre Galicia e Portugal Nortear, que ten como entidades promotoras a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-N), liderados pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial de Galicia–Norte de Portugal (GNPAECT).


