Nova: A Xunta colabora coa Fundación Contemporánea para organizar en Santiago ‘Lo Mejor de la Cultura 2026’
23/09/2026
A Xunta colabora coa Fundación Contemporánea para organizar en Santiago ‘Lo Mejor de la Cultura 2026’
A cita celebrarase o 28 de xaneiro e contará coa participación de representantes das institucións de todo o Estado
Aquelas entidades que encabecen as clasificacións autonómicas obterán como recoñecemento unha insignia personalizada
Desde 2009 o Observatorio de la Cultura analiza a actividade cultural en España, co obxectivo de dar visibilidade a unha oferta cultural ampla, de calidade e en constante renovación
Desde o pasado mes de xaneiro, e coa intención de trascender máis alá do sector profesional, o informe é tamén unha guía dixital aberto ao público
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2026
Xunta de Galicia colaborará coa Fundación Contemporánea para organizar o vindeiro 28 de xaneiro en Santiago de Compostela a presentación de Lo Mejor de la Cultura na súa edición de 2026.
Trátase dun acto de libre acceso ao que asistirán representantes das principais institucións culturais do Estado, así como aquelas que encabecen cada clasificación autonómica e que recibirán unha insignia personalizada como recoñecemento ao seu labor ao longo do último ano.
Lo Mejor de la Cultura, o informe que o Observatorio de la Cultura da Fundación Contemporánea publica desde 2009, ten unha clara vontade de mostrar a riqueza da paisaxe cultural do país, destacando a institucións e iniciativas máis relevantes de cada Comunidade Autónoma, xunto a novas propostas que enriquecen o panorama cultural español, combinando tradición e innovación.
O informe elaborase grazas ás votacións de máis dun milleiro de profesionais da cultura, xestores independentes e institucións públicas de todas as disciplinas, distribuídos por toda a xeografía española. Nel recóllense distintas clasificacións tanto a nivel nacional como autonómico, grazas ás cales se pode trazar unha perspectiva ampla do rico panorama cultural español.
Desde a súa edición de 2024, esta iniciativa, grazas ao apoio da entidade CREA SGR, preséntase nun acto público que xa se celebrou en Málaga no 2024 e en Santander no 2025.
Unha guía dixital
O pasado mes de xaneiro, Lo Mejor de la Cultura converteuse tamén nunha guía cultural dixital para todos os públicos, incluíndo preto de 600 propostas de toda España recollidas nas últimas clasificacións anuais que permiten consultar por lugares, datas e disciplinas artísticas. Isto co valor engadido da súa prescrición polos profesionais do sector.
A iniciativa está orientada non só a facer chegar a cultura a un público amplo, tamén a propiciar un turismo cultural de calidade, reivindicando a oferta cultural como destino e motivación da viaxe.
