Nova: López Campos destaca o prestixio internacional dos premios Atlante de Gravado e a súa contribución “á proxección da Galicia Calidade a través da arte”

19/09/2026

López Campos destaca o prestixio internacional dos premios Atlante de Gravado e a súa contribución “á proxección da Galicia Calidade a través da arte”

O representante do Goberno galego salienta a repercusión e interese destas distincións coa participación de 139 creadores de todo mundo cun “talento soberbio”

Destaca o compromiso da Xunta con esta disciplina artística, “como reflicte o incondicional apoio á actividade do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital”

Ribeira (A Coruña), 19 de setembro 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe o prestixio internacional dos Premios Atlante de Gravado e a súa contribución “á proxección da Galicia Calidade a través da arte”. Fíxoo no acto do entrega dos galardóns da edición deste ano, celebrado no Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, no municipio coruñés de Ribeira.

O titular de Cultura do Goberno galego salientou a “gran repercusión e enorme interese” que espertan estes premios, “aos que se presentan creadores de todo o mundo cun talento soberbio”. Neste senso, gabou a “calidade e orixinalidade” das 203 obras de 139 artistas presentadas nesta décimo sétima edición, procedentes de 13 países, entre eles, Macedonia, Tailandia, Turquía, Ucraína ou Polonia.

De igual xeito, o conselleiro puxo en valor o papel “no auxe e desenvolvemento” desta disciplina artística que realiza o Museo de Artes do Gravado á Estampa dixital, “tanto para potenciala entre as e os creadores galegos como para dar a coñecer internacionalmente, desde Ribeira, o potencial de Galicia”, remarcou.

Neste liña, López Campos destacou o compromiso do Goberno galego con esta arte, “como reflicte o incondicional e constante apoio que realizamos de cara á actividade que desenvolve o centro museístico como na consolidación destes premios con tanto prestixio”. Precisamente, apuntou o “cada vez maior interese polo gravado artístico entre as xeracións máis novas e entre os creadores de todo o mundo”. “Galicia converteuse nesta disciplina artística nun referente ao que mirar e admirar”, aseverou.

Por estes motivos, o representante da Xunta enxalzou o ”importe papel” que desenvolve o Museo de Artes do Gravado como “dinamizador cultural, en especial no rural”. “Co voso traballo erixistes a Ribeira, e polo tanto a Galicia, como un dos epicentros do gravado a nivel internacional”, concluíu.

Galardóns do XVII Premio Atlante de Gravado

En canto aos XVII Premios Atlante de Gravado, o galardón principal, o Ramiro Garregal Rey, foi para Fabio Riaudo, de Turín (Italia), mentres que os outros Premios Atlante foron tamén para outro italiano Vittorio Venturoli, á polaca Anna Trojanoska e para as madrileñas Marina Luchetti e María Pastor.

En canto ao Premio Galicia, recaeu no pontevedrés Manuel Lareo, e o Premio Atlante a menores de 25 anos foi parar a Kawintra Sitthichai, natural de Tailandia. Ademais, concedéronse cinco mencións de honra a Teresa Gómez, de Barcelona; Ovidiu Petca, de Romanía; Claudio Lorenzo, de México; Valle Baranda, de Asturias e a José María Martínez, de Cádiz.

Comparte