Nova: Ana Ortiz e Anxo M. Lorenzo destacan o “crecemento” do festival Musicav como cita “imprescindible” do jazz e a música clásica en Galicia

18/09/2026

Ana Ortiz e Anxo M. Lorenzo destacan o “crecemento” do festival Musicav como cita “imprescindible” do jazz e a música clásica en Galicia

A delegada territorial e o director xeral de Cultura asistiron á presentación do programa do evento que combina música clásica, jazz e cinema

A cuarta edición do festival, que se celebrará entre o 6 e o 27 de outubro no Teatro Afundación e no Vitruvia Club, programa un día máis de actuacións

Vigo, 18 de setembro de 2026

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron este venres na presentación do programa da cuarta edición de “Música con V de Vigo (Musicav 2026)” e destacaron a evolución do certame ata “converterse nunha cita imprescindible” no panorama cultural de Vigo e o resto de Galicia. Os representantes autonómica incidiron, xunto aos directores artísticos do evento, Javier Ferreiro e Rosanna Ojea, e directora de Comunicación e Márketing de El Corte Inglés, Fuencisla Cid, a calidade do evento e os prezos ao alcance de todos os públicos.

Ana Ortiz destacou o apoio do Goberno galego a un ciclo que “aposta por devolver a Vigo ao lugar de referencia cultural que ocupaba hai anos” e animou á cidadanía a asistir a un festival que “conta cunha excelente oferta” clásica e de jazz. “Na nosa cidade necesitamos a moita xente como os organizadores do MusicaV para ter eventos de tanta calidade”, apuntou.

Pola súa banda, Anxo M. Lorenzo valorou “o crecemento e a evolución dun festival que aínda está dando os seus primeiros pasos” e apuntou que “a pesar de ser a cuarta edición xa é unha cita imprescindible” para a cultura en Vigo e no resto de Galicia.

O Teatro Afundación e a sala de Vitruvia Club acollerán o ciclo este mes de outubro (días 6, 8, 13, 21, 22 e 27). O festival MusicaV presentou a súa cuarta edición no centro comercial El Corte Inglés, confirmando a súa fórmula exitosa de fusionar música clásica, jazz e cinema nunha experiencia accesible e de alta calidade para todos os públicos.

A delegada territorial engadiu que tras o éxito dos seus dúas primeiras edicións, MusicaV demostrou que “é posible achegar a música de calidade a un público xeral sen necesidade de coñecementos previos”.

Programación:

  • 6 de outubro: a inauguración estará a cargo de Savoy Club Big Band, que baixo a dirección de José Somoza presentará a súa particularAntoloxía do bolero no Auditorio Afundación.
  • 8 de outubro: Abe Rábade, recital de piano no Vitruvia Club.
  • 13 de outubro: O Auditorio Afundación acolle o concerto de Sumrrá Trío.
  • 21 de outubro: Caspervek Ensemble no Auditorio Afundación coa banda sonora en directo durante a proxección de Metrópoli, de Friz Lang.
  • 22 de outubro: Julia Perminova Trío no Vitruvia Club.
  • 27 de outubro: Vitruvia Art Strings ft David Linx no Auditorio Afundación.

Comparte