Nova: A Xunta e Afundación achegan a Ourense a realidade sociocultural da Galicia dos anos sesenta con fotografías de Nicolás Muller
17/09/2026
A Xunta e Afundación achegan a Ourense a realidade sociocultural da Galicia dos anos sesenta con fotografías de Nicolás Muller
A exposición conta con medio cento de imaxes que un dos grandes documentalistas da Europa do s. XX tirou durante as súas viaxes pola Comunidade cunha ollada fondamente humanista
O Goberno galego reafirma a súa aposta polas itinerancias de proxectos que se xestan na Cidade da Cultura a outras localidades co fin de facelas chegar a toda a poboación
Pode visitarse na Sede Afundación ata o vindeiro 9 de xaneiro
Ourense, 17 de setembro de 2026
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na sede Afundación Ourense a exposición Nicolás Muller en Galicia. Deste xeito, a mostra xestada no Gaiás continúa o seu percorrido tras pasar por Santiago, Vigo, Lugo e Ferrol no marco do programa de itinerancias que fomenta a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Así, o representante da Xunta destacou durante o acto “a importancia de tecer redes con organizacións que traballan para espallar proxectos desta índole por todo o territorio como é Afundación”. Na xornada estivo acompañado por Paloma Vela, coordinadora adxunta de Cultura de Afundación; Ana Isabel Vázquez, directora xerente da Fundación Cidade da Cultura; José María Jardón, director territorial de Abanca en Ourense; José Ferrero, comisario da mostra; e Ana Muller, filla do fotógrafo.
A exposición reúne medio cento de instantáneas que un dos grandes documentalistas da Europa do século XX tirou durante as súas viaxes á Comunidade. Anxo M. Lorenzo fixo fincapé “no gran valor documental da obra de Muller, que retrata a Galicia dos anos 60 cunha fonda mirada humanista”. Apuntou, tamén, que a exposición ofrece 34 imaxes que non foran expostas nin publicadas antes da creación desta proposta itinerante, entre elas fotografías que Muller captou durante a súa estancia en Ourense e que proveñen do Archivo Regional de la Comunidad de Madrid.
A exposición, organizada pola Xunta de Galicia e Afundación, poderá visitarse ata o 9 de xaneiro de 2027. A mostra nace a raíz do proxecto Nicolás Muller. Vento Norte, que acolleu o Museo Centro Gaiás en 2023, comisariado polo tamén fotógrafo José Ferrero, e que visitaron máis de 14.000 persoas. Tras a súa boa acollida, o proxecto adaptouse para levalo a outros espazos como foron o Museo do Mar de Galicia, en Vigo, a sede de Afundación en Lugo, a Sede Afundación en Ferrol e, agora, a Sede Afundación en Ourense.
O foco posto nas persoas
Nicolás Muller (Orosháza, Hungría, 1913 – Llanes, Asturias, 2000) é considerado un dos grandes fotógrafos documentais do pasado século. Viaxou ao norte da península por un encargo da editorial Clave, que lle pedira a creación de instantáneas para unha serie de libros que debían amosar unha imaxe moderna de España. O seu obxectivo era romper o illamento do país e, ao mesmo tempo, tornalo atractivo para o turismo e o investimento estranxeiro. Con todo, as fotografías de Muller poñen no foco nas xentes traballadoras, as mulleres e os nenos.
Nicolás Muller en Galicia é unha das 70 propostas incluídas no programa As exposicións de 2026 como motor cultural da Galicia Calidade coas que a Xunta de Galicia busca fomentar o acceso á cultura e contribuír á formación da cidadanía.

