Nova: A Xunta reitera a súa solicitude para que o Goberno central permita o acceso completo ao Pazo de Meirás

16/09/2026

A Xunta reitera a súa solicitude para que o Goberno central permita o acceso completo ao Pazo de Meirás

O director xeral de Cultura lamenta que non se poidan visitar todos os espazos, transcorridos case seis anos desde a recuperación do Estado da titularidade

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude anuncia que o Goberno galego está elaborando o Plan director de usos do Ben de Interese Cultural, que recolla a totalidade da súa historia

Sada (A Coruña) 16 de setembro de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, reiteroulle hoxe ao Goberno central a petición da Xunta para que permita o acceso completo da cidadanía ao Pazo de Meirás. Fíxoo no acto polo 175 aniversario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, que se celebrou neste inmoble, situado no concello coruñés de Sada.

“Desde o Goberno galego lamentamos que, transcorridos case seis anos desde a recuperación por parte do Estado da súa titularidade, aínda non se poidan visitar todos os espazos”, reprobou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Por estes motivos, emprazou o Executivo central a “completar os trámites que posibiliten a súa total apertura”.

En todo caso, Anxo M. Lorenzo considerou necesario que, previamente, o Estado debe levar a cabo “as obras necesarias no inmoble co obxecto de garantir tanto as boas condicións do edificio, como a seguridade dos visitantes”. Precisamente, lembrou que se trata dun Ben de Interese Cultural, “e como tal, o titular ten a obriga por lei de conservalo, mantelo e custodialo debidamente para evitar a súa perda, destrución ou deterioración”.

Ao respecto, reiterou a vontade da Xunta de Galicia de xestionar o Pazo de Meirás, “unha vez que o Goberno central proceda a estas actuacións de acondicionamento no inmoble, que garantan que todas as estancias están nun estado óptimo para abrilas ao público”, aclarou.

De igual xeito, avanzou que desde o Goberno autonómico “xa se está elaborando” un Plan director con respecto aos posibles usos, que actualice o presentado pola Xunta en 2020 “co obxecto de que abranga á totalidade da historia do Pazo de Meirás, incluíndo tanto o legado de Emilia Pardo Bazán como o proceso polo se converteu en propiedade do ditador”, precisou.

Comparte