Nova: López Campos destaca o Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires “como un punto clave para reforzar a proxección exterior da lingua e cultura galegas”
15/09/2026
López Campos destaca o Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires “como un punto clave para reforzar a proxección exterior da lingua e cultura galegas”
Anima ao estudantado do centro arxentino “a aproveitar esta oportunidade de coñecer os valores que forman parte da nosa identidade”
O percorrido do grupo abrangue puntos de interese por todo o territorio que van desde paisaxes naturais, ao patrimonio ou ao coñecemento de institucións
Esta tarde o itinerario inclúe a Cidade da Cultura, onde serán recibidos polos secretarios xerais de Lingua e de Emigración, e polo director xeral de Cultura
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, conversou hoxe no Parlamento co alumnado do Instituto Galego-Hispano-Arxentino Santiago Apóstol de Bos Aires, que está de visita en Galicia, ao que animou a “aproveitar esta viaxe para coñecer a cultura, a lingua e o patrimonio da Comunidade, así como as súas institucións, a súa riqueza natural e os valores que forman parte da nosa identidade”.
Así, o representante da Xunta apuntou que se trata dunha iniciativa, que nos últimos anos organiza este centro xestionado pola Fundación Galicia América, “moi produtiva e enriquecedora para o estudantado no senso de completar a súa formación no que respecta aos vencellos con Galicia”. Seguidamente, fixo fincapé “no traballo de difusión e achegamento á nosa terra” que se realiza no instituto arxentino.
Tal e como lembrou o responsable de Cultura do Goberno galego, a institución educativa puxo en marcha o seu primeiro ciclo lectivo en marzo de 1998 para atender a ampla demanda social da colectividade galega na capital arxentina e, desde entón, foi completando a súa oferta educativa ata abranguer os actuais niveis de infantil, primaria e secundaria, “sendo un dos puntos claves de estudo da lingua e cultura galegas a nivel internacional, reforzando a súa proxección exterior”, aclarou.
Nesta liña, López Campos tamén puxo en valor que a entidade “se integrara o ano pasado como Centro de Convenio na Rede de Centros Españois no Exterior, dependente do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, tras 15 anos sen que o Goberno central fixera esta distinción”.
Visita á Cidade da Cultura
Tras recibir a visita do conselleiro, que mostrou a súa ledicia “por ter compartido este anaco do seu tempo con eles para coñecer as súas inquedanzas e intereses”, a vintena de mozos e mozas continúa o seu percorrido por Galicia esta tarde na Cidade da Cultura. Alí serán recibidos polo secretario xeral da Lingua, Valentín García; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e polo director xeral de Cultura, Anxo M.Lorenzo.
Trátase dunha das paradas dunha estadía grazas á que o grupo está a coñecer distintos puntos de interese en Galicia, un itinerario que xa o levou estes días ás cubertas da Catedral de Santiago e á Casa-Museo de Rosalía de Castro, en Padrón, á Mariña lucense, a Baiona e A Guarda, con parada na Fortaleza de Monterreal e no Museo Arqueolóxico de Santa Trega.
Para as vindeiras xornadas está previsto que o alumnado arxentino se desprace á Coruña e á Costa da Morte, ademais de achegarse a outros lugares da xeografía galega como son Noia ou Rianxo, con visitas especiais que abranguen, por exemplo, a casa de Castelao. Outros dos puntos do programa son Vigo, Pontevedra, Poio, Combarro ou Lugo, onde terán tempo de adentrarse nos seus cascos históricos e zonas máis emblemáticas, ademais de coñecer diversas institucións culturais.


