Nova: A Xunta apoia a estrea de ‘O sangue das promesas: Incendios’, que abre a nova programación da Rede Galega De Teatros e Auditorios en Ourense
15/09/2026
A Xunta apoia a estrea de ‘O sangue das promesas: Incendios’, que abre a nova programación da Rede Galega De Teatros e Auditorios en Ourense
A coprodución de Sarabela Teatro e a compañía portuguesa A Escola da Noite ofrecerá tres funcións os días 17, 18 e 19 de setembro no Teatro Principal
O espectáculo, dirixido por Ánxeles Cuña Bóveda a partir do texto de Wajdi Mouawad, contou tamén cunha subvención do Goberno galego á creación escénica
A Rede Galega de Teatros e Auditorios achegará neste semestre cinco espectáculos con sete funcións á carteleira do espazo ourensán, dentro dunha programación autonómica que celebra o seu 30º aniversario
Ourense, 15 de setembro de 2026
A Xunta de Galicia apoia a estrea de O sangue das promesas: Incendios, a nova coprodución da compañía galega Sarabela Teatro e a portuguesa A Escola da Noite, que abrirá esta semana a programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios no Teatro Principal de Ourense. A montaxe ofrecerá tres funcións os días 17, 18 e 19 de setembro e chega aos escenarios tras acadar unha subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude á creación escénica.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do espectáculo xunto ao vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Manuel Fernández; a directora da montaxe e de Sarabela Teatro, Ánxeles Cuña Bóveda; Igor Lebreaud, representante de A Escola da Noite e integrante do elenco, e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.
Sutil salientou esta estrea como exemplo da complementariedade das distintas medidas coas que a Xunta impulsa as artes escénicas profesionais, desde o apoio á creación de novas producións ata a súa posterior exhibición e circulación. Neste sentido, lembrou que a colaboración co Teatro Principal permite “combinar a estrea de novas creacións galegas, a continuidade de montaxes xa recoñecidas polo público e a presenza das producións da compañía teatral pública de Galicia”.
O responsable de Industrias Culturais destacou tamén o papel da Rede Galega de Teatros e Auditorios como “principal plataforma autonómica para a circulación dos espectáculos profesionais e para o encontro entre as compañías e o público”, favorecendo unha oferta estable e a presenza das producións galegas nos escenarios das catro provincias.
Unha coprodución galego-portuguesa
O sangue das promesas: Incendios afonda na colaboración entre Sarabela Teatro, compañía profesional galega desde 1990, e A Escola da Noite, estrutura teatral de Coímbra fundada en 1992. O proxecto conxunto para o bienio 2025-2026 tivo unha primeira parada con O Grande Incêndio, estreado en Coímbra en maio de 2025, e continúa agora con esta nova proposta bilingüe, na que conflúen dous equipos creativos e intérpretes de ambas as beiras do Miño.
A dirección e dramaturxia corren a cargo de Ánxeles Cuña Bóveda, a partir da obra do dramaturgo canadense-libanés Wajdi Mouawad. O elenco está integrado por Nerea Brey, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Ricardo Kalash, Igor Lebreaud, Miguel Magalhães, Laura Míguez, Ana Teresa Santos e Elena Seijo, nunha proposta que emprega galego e portugués nun mesmo escenario.
A peza parte da morte de Nawal Marwan, quen deixa aos seus fillos xemelgos dous sobres que os conducen cara a un pasado descoñecido e a unha viaxe na procura da verdade. A partir desta premisa, a obra constrúe unha historia arredor da memoria familiar, da guerra e das herdanzas da violencia, conectando os códigos da traxedia clásica cunha dramaturxia contemporánea.
Sete funcións da Rede no Teatro Principal
A estrea de O sangue das promesas: Incendios será a primeira das sete funcións de cinco espectáculos que a Rede Galega de Teatros e Auditorios achegará ao Teatro Principal de Ourense entre setembro e novembro. Tras estas tres representacións, o circuíto continuará o 25 de setembro con A penúltima, de Con De Tres Pés, e o 18 de outubro con Malquerida, de Producción Alternativa e Contemporánea Off.
A programación incluirá ademais dúas producións do Centro Dramático Galego: A serie clopen, o 30 de outubro, e Memorias dun neno labrego, xunto a Contraproducións, o 14 de novembro. Estas propostas forman parte dunha carteleira global do Teatro Principal que reúne de setembro a decembro 30 citas culturais entre teatro, música, danza, circo e programación familiar.
