Nova: A Xunta renova a cuberta da igrexa de San Xurxo de Lourenzá cun investimento de 122.500 euros
11/09/2026
A Xunta renova a cuberta da igrexa de San Xurxo de Lourenzá cun investimento de 122.500 euros
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, sinalou que as obras están practicamente rematadas e servirán para atallar os problemas de humidade no templo
Lourenzá (Lugo), 11 de setembro de 2026
A Xunta de Galicia está a executar obras de renovación da cuberta da igrexa de San Xurxo de Lourenzá, nas que inviste 122.500 euros. O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, comprobou a marcha dos traballos, que están próximos a finalizar e servirán para atallar os problemas de filtración de humidades ao interior.
A actuación foi promovida pola Diocese de Mondoñedo- Ferrol e está financiada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través do convenio mixto entre a Xunta e as dioceses galegas para a conservación do patrimonio.
Afecta á cuberta do bloque principal, exceptuando o pórtico de entrada que xa estaba acondicionado; entre outros labores, analizáronse as pezas estruturais, renováronse os elementos de madeira necesarios e procedeuse á instalación do novo tellado de lousa en arredor de 400 metros cadrados de superficie.
O templo parroquial de San Xurxo de Lourenzá constitúe un elemento de interese do patrimonio cultural galego; está situado no lugar da Franca e integrado no ámbito do Camiño do Norte. Foi construído no século XVIII sobre un antigo castro e consta de nave con dúas capelas laterais, engadidas a principios do século XX, ademais do pórtico frontal. No seu interior destacan o retablo maior, do século XIX e estilo neoclásico, outro lateral de estilo barroco e un terceiro popular de diferentes épocas.


