Nova: A Xunta recupera ‘A serie clopen’ pola demanda do público e tras acadar dous premios María Casares
10/09/2026
A Xunta recupera ‘A serie clopen’ pola demanda do público e tras acadar dous premios María Casares
A primeira produción propia de circo do Centro Dramático Galego regresa ao Salón Teatro con oito funcións programadas desde mañá venres ata o domingo 20
Dirixida por Pablo Reboleiro, combina artes circenses, danza, música, matemáticas, historia e humor para abordar os retos da mocidade na sociedade dixital
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2026
A Xunta de Galicia recupera desde mañá venres, día 11, no Salón Teatro de Santiago de Compostela A serie clopen, a primeira produción propia de circo do Centro Dramático Galego, que volve tras a boa acollida acadada durante a súa estrea na pasada temporada, cando esgotou localidades en practicamente todos os pases. A reposición ofrece oito funcións programadas os días 11, 12, 13, 16, 17, 18, 19 e 20 de setembro ás 18:00 h.
Dirixido por Pablo Reboleiro, quen asina tamén a dramaturxia xunto a Clara Gayo, o espectáculo, impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, mestura acrobacias, aéreos, clown, danza, música e teatro para construír unha proposta multidisciplinar e familiar que pon o foco especialmente na adolescencia. A montaxe reflexiona en clave de humor sobre os retos que afronta a mocidade nun contexto marcado pola dixitalización, o uso das redes sociais e a incerteza social e política.
A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de A serie clopen, as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal.
Mellores actriz protagonista e movemento
O regreso aos escenarios prodúcese, ademais, despois do recoñecemento acadado pola produción na trixésima edición dos Premios de Teatro María Casares. Tras quedar nomeada para dez candidaturas, A serie clopen obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
A montaxe conta no seu elenco con Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hesse, Raquel Oitavén, Natalia Pajarito, Inés Santos e Guillermo Solo. Completan o equipo artístico Laura Iturralde na iluminación e videoescena e, xunto con José Faro, na escenografía; Erea Pérez e Paula Quintas na caracterización e maquillaxe; Carlos Alonso no vestiario; Marta Alonso Tejada no deseño de movemento e coreografía; Marcos PTT na asistencia de dirección e no espazo sonoro; José Expósito na asistencia de circo; Xosé Lois Romero na música orixinal e Santi Romay na asistencia de produción.
As últimas localidades dispoñibles para estas novas funcións de A serie clopen están á venda na plataforma ataquilla.com e no portelo do Salón Teatro nos días de función desde as 16,00 h.

