Nova: López Campos destaca a oferta do xénero lírico en Galicia na súa visita aos ensaios da ópera Jenůfa

09/09/2026

López Campos destaca a oferta do xénero lírico en Galicia na súa visita aos ensaios da ópera Jenůfa

A través dun convenio coa Xunta, a 74ª edición da Temporada de Amigos de la Ópera da Coruña abrirase os días 17 e 19 de setembro coa obra de Leoš Janáček con dirección musical de José Miguel Pérez Sierra e dirección escénica de Emiliano Suárez  

A Coruña, 9 de setembro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu esta tarde no Palacio da Ópera da Coruña a un dos ensaios de Jenůfa, a obra do checo Leoš Janáček cuxa representación abrirá os vindeiros 17 e 19 de setembro a 74ª Temporada Lírica da cidade herculina organizada pola Asociación Amigos de la Ópera.

Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na súa visita López Campos compartiu co equipo artístico e técnico os detalles desta gran produción, á que o Goberno galego presta apoio a través dun convenio por valor de 160.000 euros. Será a cita inaugural dunha carteleira que se estenderá ata o mes de novembro con concertos, actividades didácticas e de divulgación, ademais da posta en escena tamén de Tosca,  de Giacomo Puccini.

Neste sentido, o titular de Cultura o Goberno galego valorou a colaboración que durante máis dunha década se vén mantendo con Amigos de la Ópera para a promoción de diferentes actividades arredor do xénero lírico. “Componse así unha oferta de calidade, cada vez máis consolidada, diversa, inclusiva e aberta a toda a cidadanía”, expresou. Valorou tamén a participación activa galega no proxecto xunto á empresa especializada Ópera Garage Producciones.

Jenůfa, considerada unha das obras fundamentais do teatro musical moderno, ofrecerase no Palacio da Ópera coruñés con dirección musical de José Miguel Pérez-Sierra e dirección escénica de Emiliano Suárez. Conta tamén coa participación da Orquestra Sinfónica de Galicia, do Coro Gaos e cun elenco encabezado por Vanessa Goikoetxea, Eliša Weissová, Alejandro Roy, Joan Lainez e Marianne Cornetti.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora tamén coa Temporada Lírica da Coruña mediante a Filmoteca de Galicia, que acollerá na súa sala José Sellier a proxección de tres películas que abordan temas ou intérpretes operísticos. Os filmes  elixidos son El Kaiser de Atlantis, Dogville e La cinta blanca, que poderán verse os días 5, 12 e 26 de novembro, respectivamente.

 

Comparte