Nova: A Xunta apoia o ciclo musical ‘Novos Pulsos’ que se retoma este venres en Santiago de Compostela co concerto de Taïn
08/09/2026
A Xunta apoia o ciclo musical ‘Novos Pulsos’ que se retoma este venres en Santiago de Compostela co concerto de Taïn
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega 34.000€ ao proxecto, no marco das axudas para programación musical en salas privadas
A iniciativa de Esmerarte Industrias Creativas continuará ata febreiro de 2027 con actuacións de Carba Lourdes & Javier Lago, 9Louro & Taïn, Cora Yako, Montedapena & Hermanos Visi e Camellos
A convocatoria autonómica de subvencións promove 141 concertos en 16 espazos
Vigo, 8 de setembro de 2026
O ciclo Novos Pulsos, promovido pola empresa Esmerarte Industrias Creativas co apoio da Xunta de Galicia, retoma este venres 11 de setembro a súa programación cun concerto de Taïn na Riquela Club de Santiago de Compostela. A proposta, que comezou a desenvolverse o pasado mes de febreiro, continuará nos vindeiros meses por diferentes salas galegas ata febreiro de 2027 con especial atención a formacións emerxentes e con potencial para se desenvolver no sector.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do ciclo xunto a Óscar Durán Uka, responsable de contratación de Esmerarte, nunha convocatoria celebrada na sala viguesa La Fábrica de Chocolate Club, que tamén forma parte do programa. Durante o acto, Sutil destacou o papel deste tipo de programacións á hora de “darlle continuidade á música en directo durante todo o ano, favorecer a circulación dos artistas galegos e reforzar as salas como parte esencial da estrutura profesional do sector”.
Novos Pulsos conta cunha achega de 34.000€ da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas durante 2026 e 2027. A Xunta distribúe mediante esta liña preto de 360.000€ entre nove proxectos profesionais, que están a propiciar un total de 141 concertos en 16 espazos de Galicia.
Neste senso, o responsable de Industrias Culturais incidiu en que a convocatoria busca consolidar “unha oferta estable máis alá dos grandes festivais e eventos, apoiando a colaboración entre promotoras, salas e artistas e facilitando que os proxectos musicais poidan chegar a públicos e localidades diferentes”.
Próximos directos de ‘Novos Pulsos’
Tras as primeiras actuacións celebradas desde febreiro, a programación de Novos Pulsos, que continuará este venres con Taïn, no Riquela Club de Santiago de Compostela, será a primeira dunha serie de citas previstas para este outono e inverno en diferentes puntos de Galicia.
Así, o 16 de outubro, Carba Lourdes & Javier Lago chegarán á Arca da Noe de Vilar de Santos; o 30 de outubro será a quenda de 9Louro & Taïn na Cofradía Cultural de Vilanova de Arousa; e o 7 de novembro actuará Cora Yako en La Fábrica de Chocolate Club de Vigo.
A programación de 2026 completarase o 20 de novembro con Montedapena & Hermanos Visi na Sala Jagger de Lugo. O ciclo prolongarase ata 2027 coa actuación de Camellos, o 27 de febreiro na Pousada da Galiza Imaxinaria, en Boiro.
Antes desta nova etapa de concertos, Novos Pulsos levou xa aos escenarios nos meses anteriores a Vatapá Quinteto, en La Pecera de Vigo; Portosanto, na sala Mardi Gras da Coruña; e Capital Voskov, en La Fábrica de Chocolate Club de Vigo.
