Nova: López Campos avalía cos responsables dos museos as novas necesidades de seguridade “para facer fronte aos novos retos e riscos de xeito coordinado”
08/09/2026
López Campos avalía cos responsables dos museos as novas necesidades de seguridade “para facer fronte aos novos retos e riscos de xeito coordinado”
O responsable autonómico de Cultura destaca que o obxectivo do encontro é “compartir información e recoñecer áreas de mellora neste eido”
No encontro, trasladáronse tamén as recomendacións feitas polas autoridades estatais despois dos últimos roubos producidos a nivel nacional e internacional
“Isto non é unha alarma, é unha chamada á prudencia e unha oportunidade para mellorar a protección dos bens que salvagardan os centros museísticos”, apunta
Galicia participará no novo encontro que o Goberno central ten previsto celebrar este xoves, día 10, en Madrid
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse hoxe cos directores e directoras do Sistema Galego de Centros Museísticos para avaliar as novas necesidades de seguridade nestes equipamentos e traballar de maneira coordinada para facer fronte aos novos retos e riscos. Así mesmo, neste encontro, o responsable autonómico de Cultura tamén puido trasladar as recomendacións feitas polas autoridades estatais despois dos últimos roubos producidos nestas institucións, tanto a nivel nacional como internacional.
Nesta liña, o representante da Xunta de Galicia, que aproveitou para transmitir unha mensaxe de tranquilidade, destacou que pese a tratarse de “casos puntuais” resulta convinte facer “unha revisión das normas básicas de seguridade e prevención”. “O obxectivo de hoxe é compartir información e detectar necesidades comúns neste eido”, apuntou López Campos antes de precisar que a finalidade é “ter a capacidade de anticiparnos a calquera risco de xeito coordinado”.
Así, tal e como lembrou o responsable de Cultura do Executivo autonómico, “as conclusións desta posta en común sobre a seguridade nos nosos museos será de grande utilidade á hora de adoptar as liñas estratéxicas que recomende o Goberno central”. Referiuse así a xuntanza celebrada o pasado 28 de agosto e o novo encontro que está previsto este xoves en Madrid e no que participará o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.
López Campos aclarou o respecto que “isto non é unha alarma, é unha chamada á prudencia e unha oportunidade de mellora da protección dos bens que salvagardan os centros museísticos a prol da conservación da nosa historia”. Unha mellora que, explicou, “parte de informes como o da Interpol, no que se identifican cambios significativos nos roubos cometidos en museos europeos, máis alonxados dos roubos tradicionais”.
Entre as novas tendencias destes estudos, recóllese unha maior especialización na selección de obxectos, novos bens especialmente ameazados ou novos perfís das persoas que executan as sustraccións, que “tal e como nos trasladan desde o Ministerio requiren da revisión e actualización de protocolos”, apuntou.


