Nova: A Xunta apoia o Castelo Rock de Muros na súa aposta pola música galega e por un modelo de festival de proximidade
27/07/2026
A Xunta apoia o Castelo Rock de Muros na súa aposta pola música galega e por un modelo de festival de proximidade
O encontro é un dos oito beneficiarios da liña de subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para a contratación de bandas e artistas de Galicia
O cartel combina as propostas británicas de Kid Kapichi e Big Special con bandas estatais e unha ampla representación galega, da que forman parte LAW, Nadie González, Orquestra Bravú Xangai, XianPais, True Mountains e Saraiba
Muros (A Coruña), 27 de xullo de 2026
A Xunta de Galicia apoia a 22ª edición do Festival Castelo Rock, que se celebrará os días 6, 7 e 8 de agosto en Muros cunha programación de música en directo e actividades complementarias distribuídas por diferentes espazos do centro histórico da vila coruñesa. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na rolda de prensa de presentación deste encontro, promovido pola Asociación Praia do Castelo a xeito de evento singular e próximo ao público.
O Castelo Rock incorpórase este ano por primeira vez como beneficiario da convocatoria de subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para fomentar a contratación de música galega nos festivais profesionais. Esta liña distribúe en 2026 un total de 80.000 euros para apoiar 47 contratacións de bandas e artistas do país nas carteleiras de oito citas celebradas en Galicia.
Jacobo Sutil sinalou que a incorporación do festival muradán a esta liña de axudas “permite reforzar a presenza da creación musical galega nunha programación que combina artistas locais, estatais e internacionais e que conta cunha traxectoria consolidada de máis de dúas décadas”.
Neste senso, destacou tamén “o valor dun proxecto cultural nacido do asociacionismo e do traballo voluntario, capaz de integrar a música na vida da vila e de contribuír á dinamización cultural e económica da contorna”. Segundo explicou, o Goberno galego busca “apoiar tanto os profesionais da música como os festivais que lles ofrecen espazos de exhibición, favorecendo unha maior diversidade de propostas e a circulación dos artistas galegos polo territorio”.
Música galega na vida cotiá da vila
O cartel do Castelo Rock 2026 combina as propostas galegas de LAW, Nadie González, Orquestra Bravú Xangai, XianPais, True Mountains e Saraiba, cunha representación que abrangue o R&B, o reggae, a electrónica, o rap, o bravú, o punk acústico e a música urbana. Na carteleira destaca tamén a presenza de artistas locais vinculados directamente co Concello de Muros, como son os casos de XianPais, natural de Louro, e da DJ muradá Saraiba.
A programación complétase coas bandas británicas Kid Kapichi e Big Special, as formacións estatais Viva Belgrado e Parquesvr, e as actuacións de Martin Human e Tête de la Course, configurando unha carteleira con propostas galegas, estatais e internacionais durante os tres días de celebración.
O Castelo Rock manterá o seu formato de proximidade, cun escenario principal na Praza do Mercado e un aforo limitado a 700 persoas. Ao mesmo tempo, o festival estenderase polo centro histórico con concertos e actividades gratuítas no Curro da Praza, na rúa Ancha e na praza da Pescadería, integrando a programación na vida cotiá da vila.
O encontro está organizado por Praia do Castelo, unha asociación cultural sen ánimo de lucro que desenvolve o festival grazas ao traballo voluntario das persoas que forman parte da entidade. Os beneficios reverten na súa propia actividade e na programación que impulsa ao longo de todo o ano.
