Nova: Xunta e Deputación blindan a Xornada Cultural Mar de Galicia cos organizadores para celebrar o evento “na defensa da música local” este mesmo verán

21/07/2026

Xunta e Deputación blindan a Xornada Cultural Mar de Galicia cos organizadores para celebrar o evento “na defensa da música local” este mesmo verán

Ana Ortiz e Luisa Sánchez mantiveron este martes unha reunión no Museo do Mar cos responsables da Asociación Cultural e Deportiva Over

A delegada territorial pide á organización do festival que busquen datas para recuperar “canto antes” a actividade “prohibida” polo Concello de Vigo

“Seguimos sen saber porque unha actividade que presentou a solicitude 48 días antes foi suspendida con 24 horas de marxe”, sinalou a vicepresidenta da Deputación

Vigo, 21 de xullo de 2026

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, mantiveron este martes unha xuntanza cos responsables da Asociación Sociocultural e Deportiva Over, organizadores da Xornada Cultural Mar de Galicia que estaba prevista celebrar no Museo do Mar o pasado 18 de xullo, en busca de novas datas este mesmo verán para recuperar a iniciativa.

Durante a reunión houbo un acordo total para manter a colaboración entre ambas institucións e o colectivo co obxectivo de axendar de novo o festival que foi cancelado polo Concello de Vigo unhas horas antes da súa celebración o pasado sábado no Museo do Mar. “A Xunta de Galicia continuará dando o apoio a eventos culturais na nosa cidade e agarda que se poida recuperar canto antes a actividade prohibida polo goberno local”, sinalou Ana Ortiz.

A representante autonómica lamentou “este ataque” á cultural local cun proceso administrativo que “non deu marxe” para que os organizadores cumprisen cos requisitos solicitados polo Concello de Vigo. “Estamos hoxe aquí para blindar a celebración da Xornada Cultural e pedimos á administración local que facilite o traballo dos colectivos e non impoña trámites burocráticos imposibles de cumprir tanto en tempo como en forma”, apuntou Ortiz.

Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, explicou que “a día de hoxe seguimos sen saber por que unha actividade que presentou a solicitude dos permisos con máis dun mes e medio de antelación acabou suspendida con menos de 24 horas de marxe”.

Sánchez considera necesario que o Concello de Vigo dea explicacións e implante protocolos máis áxiles. “Aquí hai moitos afectados: artistas locais, asociacións culturais, hostalería, creadores... Poden ter por seguro que a Deputación e a Xunta vai a seguir apoiando á música local. E ese é a mensaxe que viñemos a trasladarlles hoxe: que contan co noso respaldo para desenvolver a súa actividade libremente en Vigo”, indicou.

Ademais, a vicepresidenta engadiu que “houbo un veto porque esta xornada une todo o que despreza Abel Caballero: a cultura sen tutelas, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra”. Luisa Sánchez tamén argumentou que “Caballero está a botar un pulso á cidade con esta espiral de prohibicións. E vaino a perder. Empeza pola música local, segue polas pantallas para ver á selección española, continúa por unha xornada cultural... Que será o seguinte?. Ningún vigués chegou a imaxinar nunca o PSOE convertería a cidade da movida na cidade do ‘prohibido divertirse’".

Comparte