Nova: López Campos destaca o “bo momento” do sector do libro galego e o apoio da Xunta con 3 M€ para este ano

02/07/2026

López Campos destaca o “bo momento” do sector do libro galego e o apoio da Xunta con 3 M€ para este ano

O responsable de Cultura pon en valor a folla de ruta do Plan de Dinamización da Lectura de Galicia con 115 medidas ata 2029 e unha partida de 60 millón de euros

Enxalza o investimento de 4,2 M€ do Goberno galego á creación literaria no período 2022-2025, “o que supón un crecemento do 31 %”

Celebra que Galicia se sitúa por riba da media española nos índices de lectura cun 96,5% da poboación maior de 14 anos que le en calquera medio ou soporte

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, celebrou hoxe o “bo momento” do sector do libro en galego “cos mellores datos históricos de oferta e de consumo cultural”, ao tempo que destacou o “constante apoio” que recibe da Xunta, “tal e como demostran os 3 M€ de investimento para este mesmo ano”. Fíxoo na intervención de clausura do Encontro da Edición 2026, que se celebrou no Consello da Cultura Galega, e no que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

Neste acto, o representante do Goberno galego apuntou como “positivos” os  últimos datos da edición en Galicia, “que revelan a publicación de 3.000 libros, dos cales un 60 % foron editados en galego, á vez que unha facturación de 27,6 millóns de euros, dos que 14 M€ corresponden a libros no noso idioma”. O conselleiro atribuíu a actual situación ao “esforzo” do sector e “ao compromiso” coa  nosa lingua”, ao tempo que valorou a contribución que supón o “incondicional apoio” da Xunta.

Ao respecto, referiuse a partidas específicas da Consellería de Cultura que suman 3 M€, entre as que citou os 250.000 euros para edición de libros “que lle permitirá a medio cento de editoras sacar adiante uns 300 títulos” ou os 200.000 euros dedicados á tradución, “co que se apoia a máis de 20 editoras para publicar case un cento de títulos”. Así mesmo nesta estratexia do Goberno galego, López Campos apuntou os 150.000 euros para a produción de audiolibros e libros de lectura fácil ou os 550.000 euros destinados a mellorar as coleccións das bibliotecas públicas e as novidades editoriais en lingua galega de preto de 200 concellos.

Ademais, tamén sumou a este pulo da Xunta ao sector do libro o incentivo á creación literaria en Galicia “con máis de 4,2 M€ durante o período 2022-2025, o que supuxo un incremento do 31 % nos últimos anos”. Do mesmo xeito, engadiu “a colaboración consolidada no tempo” coa Federación de Librarías de Galicia para a posta en marcha entre a primavera e verán do circuíto das Feiras do Libro, ”con éxito de público cuns 300.000 visitantes por ano e cunha facturación que vai en aumento”, precisou.

Plan de dinamización e máis lectores en galego

 “Todas estas partidas son unha mostra clara do compromiso permanente deste Goberno coa cultura e o sector do libro e que imos seguir mantendo”, aseverou López Campos, quen, precisamente, puxo en valor a folla de ruta do Plan de Dinamización da Lectura de Galicia. Sobre esta estratexia, destacou que conta con 60 M€ para desenvolver 115 medidas ata 2029, entre as que avanzou como máis inmediatas a creación do Observatorio da Lectura ou a celebración do primeiro encontro de Clubs de Lectura de toda a Comunidade.

Para o conselleiro, estes investimentos da Xunta de Galicia contribúen a que o sector do libro en Galicia viva hoxe “un gran momento cos índices de lectura por riba da media española”. Precisamente, fixo referencia aos datos do último Informe de hábitos lectores, que reflicten que “o 96,5% da poboación maior de 14 anos le en calquera medio ou soporte, o que sitúa a Comunidade 1,4 puntos porcentuais por riba de España”.

Ademais, resaltou que o número de persoas en Galicia que le ocasional ou habitualmente na nosa lingua “tamén medrou en case nove puntos ata acadar o 72%, o que supón que sete de cada dez persoas len en lingua galega”, concluíu.

Comparte