Nova: Belén do Campo mantén un primeiro encontro institucional co novo director do Museo de Belas Artes, Manuel Mosquera
01/07/2026
Belén do Campo mantén un primeiro encontro institucional co novo director do Museo de Belas Artes, Manuel Mosquera
A representante do Goberno galego agradeceu o traballo desenvolvido por Ángeles Penas durante máis de tres décadas á fronte da institución, etapa na que o museo se consolidou como un referente cultural de Galicia
A Coruña, 1 de xullo de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo hoxe un primeiro encontro institucional co novo director do Museo de Belas Artes da Coruña, Manuel Mosquera, tras o seu recente nomeamento por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Durante a reunión, a delegada trasladoulle os seus parabéns por asumir esta nova responsabilidade e destacou a súa ampla traxectoria profesional, estreitamente vinculada ao museo desde finais da década dos oitenta. “Manuel Mosquera coñece á perfección esta institución, da que formou parte durante practicamente toda a súa carreira profesional, contribuíndo de maneira decisiva ao seu crecemento e á súa apertura á sociedade a través da difusión cultural e dos programas educativos”, sinalou.
A delegada mostrouse convencida de que esta experiencia permitirá dar continuidade ao proceso de modernización e dinamización do Museo de Belas Artes, reforzando o seu papel como unha das principais institucións culturais de Galicia.
Programación
Durante o encontro a representante do Goberno autonómico coñeceu de primeira man a programación cultural e educativa prevista para este verán, así como as principais actividades que desenvolverá o centro nos próximos meses.
Repasaron as actividades previstas polo museo e puxeron en común a oferta dirixida a todos os públicos, cunha especial atención ás propostas de carácter educativo e familiar que se celebrarán durante o período estival.
Entre elas destacan os Obradoiros de Verán 2026: Inspirar para crear, que se desenvolverán entre o 7 de xullo e o 28 de agosto, en oito quendas, de martes a venres, de 10 a 14 horas, dirixidos a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. Impartidos pola artista Gosia Trebacz, estes talleres combinan o descubrimento da colección permanente do museo con actividades creativas que fomentan a observación, a imaxinación e a expresión artística a través de diferentes técnicas e materiais.
A delegada da Xunta destacou a importancia de iniciativas coma esta, que “achegan a arte aos máis pequenos dun xeito participativo e lúdico, convertendo o museo nun espazo vivo de aprendizaxe, creatividade e convivencia durante o verán”.
Na reunión tamén abordaron a programación expositiva, na que sobresae a mostra temporal Habana Mater. 2003-2023. Luis Gabú, aberta ao público ata o vindeiro 31 de outubro. A exposición, organizada en colaboración co fotógrafo coruñés Luis Gabú e o equipo técnico do museo, ofrece un percorrido por dúas décadas de traballo fotográfico arredor da cidade da Habana e da súa realidade social e humana. En setembro están tamén previstas conferencias, películas e visitas guiadas á exposición relacionadas con Cuba.
A delegada tamén adiantou que no último trimeste do ano está prevista outra exposición “Xeneración de Oriente”.
A partir do mes de setembro tamén se retomarán os talleres de familia e se seguirá traballando no ámbito educativo potenciando proxectos educativos fora do museo entre alumnos de secundaria e bacharelato. Ademais, a partir do 8 de setembro retomaranse as actividades do curso escolar, que no último curso 25-26, contaron coa participación de 10.000 alumnos e 400 grupos, maioritariamente de centros escolares da cidade e da área metropolitana, con visitas de entre 1 hora e hora e vinte dinamizadas con diferentes actividades e visitando a exposición permanente para alumnos desde infantil ata o bacharelato.
Anterior mandato
No encontro tamén quixo recoñecer o extraordinario labor desenvolvido pola anterior directora, Ángeles Penas, con motivo da súa recente xubilación, tras máis de tres décadas á fronte do museo. A delegada destacou que baixo a súa dirección o centro experimentou unha importante transformación, consolidándose como un referente na conservación, investigación e difusión do patrimonio artístico galego.
Neste sentido, lembrou que durante o mandato de Ángeles Penas o museo impulsou a ampliación e enriquecemento das súas coleccións, incrementou de maneira significativa a programación de exposicións temporais de gran relevancia, reforzou a súa actividade educativa e divulgativa e estreitou a colaboración con outras administracións e coleccionistas privados.
Traxectoria Manuel Mosquera
O novo director iniciou a súa vinculación co Museo de Belas Artes como bolseiro a finais dos anos oitenta e participou no proxecto museolóxico da actual sede inaugurada en 1995. Desde 1998 desenvolveu de forma continuada a súa actividade profesional no centro, desempeñando diferentes responsabilidades, especialmente á fronte da área de Difusión e Acción Cultural, desde a que promoveu numerosas iniciativas educativas e actividades destinadas a achegar o museo a todos os públicos.
Co seu nomeamento, a Xunta aposta pola continuidade e polo profundo coñecemento da institución para seguir fortalecendo o papel do Museo de Belas Artes da Coruña como espazo de referencia para a conservación, investigación e difusión do patrimonio artístico de Galicia.


