Nova: López Campos erixe a Galicia como referente na protección do patrimonio coa creación da primeira cátedra do norte peninsular especializada nesta área
01/07/2026
López Campos erixe a Galicia como referente na protección do patrimonio coa creación da primeira cátedra do norte peninsular especializada nesta área
O representante de Cultura salienta que o apoio da Xunta de 50.000€ “demostra con feitos o compromiso do Goberno galego de cara ao seu estudo, coidado e difusión”
Asegura que o proxecto académico “profesionalizará aínda máis a xestión, protección e divulgación dos bens patrimoniais”
Destaca que a iniciativa sitúa a Comunidade como “pioneira”, xa que será tamén a terceira en contar con este grao de formación de toda España
Pon en valor as actividades de formación e investigación, así como as colaboracións entre persoal investigador, profesorado e profesionais da xestión cultural e patrimonial
Lugo , 1 de xullo de 2026.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe coa reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, a primeira cátedra do norte peninsular de Xestión Cultural, especializada en Patrimonio, que se impartirá na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, onde xa existe un grao universitario nesta materia, “e coa que Galicia se erixe como referente en protección destes bens”, aseverou.
“Trátase dun fito histórico, xa que fai que Galicia se sitúe, unha vez máis, entre as pioneiras neste ámbito, posto que ademais é a terceira cátedra desta especialización en toda España”, enxalzou o responsable de Patrimonio do Goberno galego, quen precisou que para a súa creación, a Xunta achega a Universidade de Santiago 50.000 euros distribuídos en dúas anualidades, repartidos en 25.000 euros para esta de 2026 e a mesma cantidade para a de 2027.
Deste xeito, López Campos puxo en valor que con este investimento a Xunta “demostra con feitos o compromiso do Goberno galego de cara ao estudo, coidado e difusión do patrimonio, erixíndoo como un dos maiores tesouros que conforman e definen a identidade e cultura de Galicia”. Neste senso, precisou que nesta formación académica, que terá como director e codirectora a Gonzalo Fernández Suárez e Dolores Fernández Tilve, se fará fincapé na xestión patrimonial, “a través da investigación e a innovación, pero tamén fomentado a difusión, valorización e transmisión ás xeracións futuras destes bens a prol dunha mellor protección e conservacións dos mesmos”.
Consecuentemente, o conselleiro asegurou que, desta forma, “se profesionalizará aínda máis a xestión, protección e divulgación dos bens patrimoniais da Comunidade”. Con este fin, explicou que a cátedra institucional de Xestión Cultural centrarase de xeito específico en “potenciar o sector da cultura na sociedade lucense e, por extensión, en toda a Comunidade, tanto na súa vertente social como formativa e económica”. De igual forma, cualificou de “importante e eficiente” que, entre as súas finalidades, teñan a de “detectar as posibles fortalezas e debilidades das industrias culturais en Galicia”.
Participación de expertos de renome internacional
López Campos tamén puxo en valor que, coa súa posta en marcha, levaranse a cabo estudos culturais de carácter internacional, nacional, autonómico e local “coa finalidade de contribuír ao desenvolvemento da cultura e da xestión do patrimonio cultural”. Ademais, salientou o feito de que “propoñerá políticas culturais e de salvagarda do patrimonio cultural, adaptadas á realidade actual”. Nesta liña, subliñou que a cátedra procurará a colaboración entre o persoal investigador da Universidade de Santiago con expertos de renome internacional, tanto do eido da educación ou a investigación, e tamén con xestores culturais e patrimoniais.
En definitiva, o conselleiro asegurou que, a través desta cátedra, Galicia vai contar con “novas xeracións máis formadas e informadas na xestión e coidado do noso patrimonio, e tamén no seu valor e na relevancia e importancia de coidalo e preservalo para as xeracións actuais e futuras".
I Premio de Investigación Ana Goy Diz
O titular de Cultura da Xunta gabou as actividades do programa curricular da cáteddra, entre as que enxalzou a convocatoria do I Premio de Investigación en Xestión Cultural Ana Goy Diz, “en homenaxe á primeira catedrática de Historia da Arte no Campus de Lugo”. Este certame terá por obxecto, segundo debullou, contribuír á promoción da investigación e innovación, así como á divulgación e transferencia de coñecementos no sector cultural e do patrimonio cultural.
Finalmente, salientou que a posta en marcha desta cátedra realízase ao abeiro do Plan estratéxico para a protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Ao respecto, apuntou que esta iniciativa inclúe medidas para a difusión dos traballos realizados para a preservación e incremento de bens; accións de análise e investigación; organización e participación en cursos e congresos, e o desenvolvemento de accións e actividades nun marco educativo que introduza aspectos relacionados co patrimonio cultural.
Pola súa banda, a Universidade de Santiago facilita os medios materiais e instalacións necesarias para o correcto desenvolvemento da cátedra, que contará cunha Comisión Mixta de Seguimento que se reunirá, como mínimo, unha vez ao ano.

