Nova: O Carlangas máis rockeiro inaugura este xoves os concertos ao aire libre de ‘Atardecer no Gaiás’
30/06/2026
O Carlangas máis rockeiro inaugura este xoves os concertos ao aire libre de ‘Atardecer no Gaiás’
A actuación do ex-líder e vocalista de Novedades Carminha na Cidade da Cultura adiántase ás 20,00 horas, con acceso e entrada gratuíta
O venres día 3 debuta no escenario deste ciclos o vigués Marrit, primeiro premio na categoría de Música da última edición do Xuventude Crea
Do novo tradi aos ritmos urbanos e o rock, os solpores con música continúan en xullo con 9Louro, Bala, Maricarme, Unto Vello, Sheila Patricia e Lisdexia
A iniciativa forma parte da segunda campaña ‘Para gustos, cultura’ que este verán desenvolverá máis de 3.600 actividades en 200 municipios galegos
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2026
Este xoves 2 de xullo comeza con Carlangas unha nova edición de Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos gratuítos ao aire libre organizados pola Xunta de Galicia. O ex-líder e vocalista de Novedades Carminha chega a Santiago para presentar o seu terceiro traballo en solitario, Universo Paralelo, un disco no que recupera as guitarras e o seu son máis rockeiro e no que destacan as colaboración con artistas como Leiva e Dear Joanne.
A actuación adiántase ás 20,00 horas por decisión do propio Carlangas, que aspira a reunir na cidade onde medrou o maior número de fans posible. O acceso ao concerto é libre e de balde e poderá empregarse a liña 9 do autobús urbano para subir e baixar á Cidade da Cultura.
Ao día seguinte, venres, o escenario da Praza central do Gaiás será para Marrit, un rapaz vigués de 26 anos que obtivo o primeiro premio na categoría de música do certame Xuventude Crea impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Talento novo con raíces galegas que bebe das influencias clásicas do pop para experimentar guitarras, teclados e sintetizadores. Neste caso, o concerto dará comezo ás 21,00 horas.
O mellor da escena musical galega
Atardecer no Gaiás continúa no mes de xullo cunha selección do mellor da escena musical galega, desde os ritmos urbanos de 9Louro, o novo tradi de Maricarme, Unto Vello e Sheila Patricia, ata o contundente stoner-rock de Bala e o punk rock guerrilleiro de Lisdexia. A proposta musical enmárcase na campaña Para gustos, cultura, que este ano chegará a 200 localidades con máis de 3.600 actividades.
A décimo sexta edición do ciclo, que conta un ano máis co apoio de Cervezas Alhambra, programa catro concertos máis en agosto, o primeiro deles coa banda compostelá de noise-rock Dogo. Séguenlle dúas citas especiais, o exclusivo set que ten preparado o dúo de electrónica lugués Galician Army como banda sonora para o eclipse total de sol do mércores 12 de agosto, e a segunda edición do Atardecer Fest, unha xornada que se dedicará aos ritmos urbanos máis actuais o xoves día 13. O peche de Atardecer no Gaiás será o venres 14 de agosto co electropop crítico e festivo de Turista Sueca, un trío formado en Barcelona con raíces en Galicia, País Vasco e Andalucía.
