Nova: A vindeira temporada da sala Ártika ofrece co apoio da Xunta 42 novas citas escénicas ata finais de ano
30/06/2026
A vindeira temporada da sala Ártika ofrece co apoio da Xunta 42 novas citas escénicas ata finais de ano
A carteleira de setembro a decembro reúne 28 compañías con 25 espectáculos e cinco festivais ou ciclos, con propostas para público adulto e familiar
A sala viguesa é unha das catro incluídas na nova convocatoria bienal do Goberno galego para este tipo de espazos, a través da que recibe 150.000 euros para reforzar a súa programación ata 2027
A compañía homónima residente recibe tamén unha achega de 100.000 euros da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no marco das axudas á creación escénica para desenvolver ata 2028 un plan plurianual con dous próximos espectáculos
En outubro terá lugar a estrea de ‘Isto non é un acto político’, con dirección de Tito Asorey, dentro do VII Festival Comediártiko
Vigo, 30 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia apoia a nova temporada de programación de Sala Ártika, que presentou hoxe en Vigo toda a actividade que lle ofrecerá ao público de setembro a decembro cun total de 42 funcións, 25 espectáculos e a presenza de 28 compañías. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou no acto xunto cos responsables do espazo, Marcos Alonso e Anxo Fernández, e demais representantes de institucións colaboradoras.
Durante a súa intervención, Jacobo Sutil puxo en valor o papel das salas escénicas de titularidade privada “como espazos imprescindibles para garantir unha programación estable, diversa e de proximidade ao longo de todo o ano”, así como a súa contribución á creación de públicos e á circulación das compañías profesionais galegas. Neste sentido, lembrou que Sala Ártika é unha das incluídas na nova convocatoria bienal da Xunta para este tipo de recintos, dotada con 430.000 euros para o período 2026-2027 e formulada por primeira vez cun horizonte de dous anos co obxectivo de favorecer a planificación a medio prazo. No caso da sala viguesa, a achega autonómica ascende a 150.000 euros para o conxunto do bienio.
Tamén destacou a crecente relevancia que este escenario está a acadar na programación cultural do sur de Galicia, como referencia xa para a distribución dos espectáculos producidos en Galicia.
O apoio á actividade do equipo de Ártika complétase coa resolución das axudas á creación escénica, a través das que a compañía homónima residente na sala recibirá 100.000 euros para desenvolver o seu plan plurianual 2026-2028. Este programa permitiralle producir dous novos espectáculos dirixidos por Tito Asorey: Isto non é un acto político, con estrea prevista en outubro na propia sala, e Falso fracaso, que verá a luz o vindeiro ano.
Programación escénica, ciclos e creación de públicos
A programación presentada hoxe abrangue o período de setembro a decembro e articúlase arredor do VII Festival Comediártiko, a Programación Off, o XII Festival Pequeártiko de Nadal, o ciclo musical Kamarártika, a programación regular e o Festival Agarima.
A proposta combina teatro, danza, circo, monicreques, improvisación, música, formación e actividades expandidas, con atención tanto ao público adulto como ao familiar. A temporada abrirase en setembro co Festival Agarima e continuará os días 3 e 4 de outubro coa estrea da devandita produción Isto non é un acto político, dentro do VII Festival Comediártiko. O espectáculo parte do ensaio Instrucións para converterse en fascista, da autora italiana Michela Murgia, para reflexionar sobre o ascenso dos discursos totalitarios e a ameaza que supoñen para a igualdade ou a xustiza social.
Este ciclo incluirá tamén propostas como La rata Marieta, de L’Horta Teatre; Todo terminará para Navidad, da compañía arxentina El Rayo Misterioso; Oh Mammi Blue, de Cinema Sticado; ou Siéntese, de Maintomano.
A programación de outubro complétase con actividades formativas, coloquios e propostas como O chow do flow, do Colectivo do Flow, na Programación Off. En novembro, Sala Ártika recibirá espectáculos como 1972, de ButacaZero; Berenguela na gaiola, de Galeatro e Xarope Tulú e coprodución co Centro Dramático Galego; Escupir al cielo, de Azar Teatro, e A arte da guerra, de Producións Excéntricas, xunto con novas citas de Kamarártika e cursos intensivos arredor do financiamento de proxectos escénicos. Xa en decembro, a programación regular incorporará 4200 km, de Teatro Inestable, e Mulleres que viven soas, de Berrobambán.
Festival Pequeártiko de Nadal
O final do cuadrimestre estará marcado polo XII Festival Pequeártiko de Nadal, que concentrará boa parte da programación familiar entre o 21 e o 31 de decembro. A carteleira incluirá propostas de danza, monicreques, teatro familiar, teatro de sombras, contacontos e música con compañías e artistas como El Curro DT e Paspie Danza, Zigzag Danza, La Machina Teatro, Ártika Cía., Tanxarina, Títeres sin Cabeza, Pedras de Cartón, Luz Micro y Punto, Disiden.cia e Bea Campos. O festival sumarase a outras actividades expandidas, como unha mesa arredor da situación do teatro familiar en Galicia e un obradoiro de construción de títeres, reforzando a dimensión da sala como espazo de exhibición, formación, encontro profesional e participación cidadá.
