Nova: A Xunta impulsa a traxectoria de dez escritores emerxentes coa Residencia Literaria do Gaiás

29/06/2026

A Xunta impulsa a traxectoria de dez escritores emerxentes coa Residencia Literaria do Gaiás

A Cidade da Cultura dá a benvida aos autores e autoras noveis que comezan hoxe a súa andaina na sexta edición da iniciativa

As persoas participantes poderán compartir experiencias con Elena Medel, Rosa Aneiros, Cynthia Menéndez e Nerea Pallares

Nos últimos tempos formaron parte da iniciativa figuras que están a colleitar grandes éxitos como Lucía Solla Sobral, Brais Lamela ou Sica Romero

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2026

A Cidade da Cultura deu hoxe a benvida ás persoas participantes na VI Residencia literaria do Gaiás. Así, ata o 11 de xullo, un total de dez escritoras e escritores emerxentes en lingua galega compartirán un espazo de traballo no que poñer en común inquedanzas e coñecementos para mellorar os seus proxectos inéditos.

A iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dirixida pola escritora e xestora cultural Eva Mejuto, aglomera nesta edición propostas que inclúen desde a novela, o relato, a poesía ou o teatro. Así, a Residencia literaria artéllase como un espazo de aprendizaxe para autores e autoras noveis que queiran darlle un pulo aos seus proxectos a través da posta en común de experiencias e coñecementos.

Os escritores emerxentes que participan desta edición terán a oportunidade de aprender da experiencia de figuras como Elena Medel, fundadora da editorial La Vella Varsovia e gañadora de premios como o Premio Francisco Umbral ao Libro do Ano ou Princesa de Girona; Rosa Aneiros, xornalista e traballadora no Consello da Cultura Galega que publicou obras como Resistencia (Premio Arcebispo Xoán de San Clemente), Sol de Inverno (Premio Xerais) ou A noite das cebolas (Premio Follas Novas) e que vén de gañar o Premio Novela Europea. Así como tamén de autoras emerxentes que agora despuntan nas librerías e que xa pasaron pola Residencia literaria da Cidade da Cultura, como Nerea Pallares e Cynthia Menéndez.

A experiencia ofrece, ademais, un coñecemento amplo do mundo do libro como os dereitos de autoría, a edición, distribución e sistema literario. Para iso, a proposta conta tamén coa visita de Víctor Mascato, responsable editorial de Triqueta e editor en Cumio Editora con experiencia en distintos mercados internacionais. Haberá, tamén, encontros con libreiros e libreiras, visitas á Cidade da Cultura e unha maridaxe lectora.

Unha canteira de escritores

Nos últimos tempos, pola Residencia literaria da Cidade da Cultura pasaron autoras que están a colleitar salientables recoñecementos como Lucía Solla Sobral, que co seu Comerás Flores gañou o Premio Ojo Crítico 2025; Brais Lamela, que con Ninguén queda fíxose co Premio Ojo Crítico 2023; Sica Romero recibiu o XXVII Premio San Clemente de Novela con Avelaíñas eléctricas ou Cynthia Menéndez, que con Son coma glaciares os barcos de aceiro acadou o Premio Antón Losada Diéguez.

Comparte