Nova: A Xunta e a Asociación Galega de Empresas Musicais lanzan ‘Palco’, o primeiro encontro da industria do sector que se celebrará este outono

26/06/2026

A Xunta e a Asociación Galega de Empresas Musicais lanzan ‘Palco’, o primeiro encontro da industria do sector que se celebrará este outono

A cita terá lugar do 3 ao 5 de novembro de 2026 en Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura e noutras salas e espazos da capital de Galicia

PALCO nace para darlle visibilidade ao talento, conectar profesionais e impulsar novas oportunidades para a música feita en Galicia

A partir do 1 de xullo abriranse as primeiras convocatorias de recepción de propostas artísticas, a presentación de pitchings e a inscricións profesionais a través da web www.palco.gal

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2026

Galicia conectará a industria musical este outono co nacemento de PALCO, o primeiro e pioneiro encontro sectorial da música na comunidade, promovido e organizado pola Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM). A cita celebrarase en Santiago de Compostela ao longo de tres días, do 3 ao 5 de novembro de 2026, na Cidade da Cultura e noutras salas e espazos de interese.

Este novo punto de unión e intercambio da industria musical parte da idea de achegarlles visibilidade ao talento, aos proxectos e ao ecosistema musical galego. E, tamén, co fin de favorecer conexións e oportunidades, fomentando as relacións entre artistas, empresas, programacións e institucións, así como xerando contextos útiles para a colaboración e o desenvolvemento. PALCO quere impulsar, do mesmo xeito, a presenza da música galega, abrindo novas redes e espazos de traballo conxunto, ademais de reforzar Galicia como territorio de creación e de industria.

A Cidade da Cultura de Compostela acolleu esta mañá a rolda de prensa de presentación de PALCO coa participación de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia; Marcos Gómez, comisario do Xacobeo 2027; Patricia Hermida, presidenta de AGEM; e Daniel Vázquez, presidente da Asociación de Empresas Tecnolóxicas e Servizos Audiovisuais de Galicia (AGATEC), que estiveron arroupados por diferentes entidades, profesionais e axentes do ecosistema musical galego, responsables do deseño colectivo do encontro. 

Contexto actual propicio

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que PALCO nace nun contexto “propicio e oportuno, xa que a música galega leva anos demostrando a súa capacidade para emocionar, innovar e chegar cada vez máis lonxe”. “A música vive en Galicia un dos momentos máis fértiles da súa historia grazas ao talento dos seus artistas e ao traballo dunha comunidade profesional que impulsa, acompaña e fai posible que a isto suceda”, apuntou.

Antesala do Xacobeo 2027

O comisario do Xacobeo destacou que PALCO "nace para sumar esforzos entre todo o sector e tamén coas institucións, nun momento clave na antesala do Xacobeo 2027". Salientou que "Galicia xa demostrou que conta cunha industria musical "cada vez máis madura e profesionalizada" que sirve como incentivo para consolidar esta comunidade como escenario de grandes eventos musicais.

Neste sentido, subliñou que "o Xacobeo 2027 será a gran festa de Galicia, e non hai festa sen música", polo que avanzou que esta terá "un papel protagonista na programación". Ao tempo, incidiu en que PALCO permitirá "aproveitar a oportunidade do Xacobeo para fortalecer o sector e consolidar Galicia como un referente na organización de grandes eventos musicais".

Para Patricia Hermida “a música medra cando circula, cando conecta persoas, ideas e proxectos e cando atopa contextos que favorecen o intercambio, a creación de alianzas e a apertura de novos horizontes. Todo isto é PALCO”.

Durante tres días, do 3 ao 5 de novembro 2026, Santiago de Compostela converterase no escenario onde a industria musical –principalmente a galega– conversará e se proxectará, cos obxectivos de descubrir, aprender, compartir experiencias e construír futuro. Será un espazo para compartir coñecemento, activar relacións profesionais, presentar proxectos e impulsar novas vías de colaboración.

Segunda edición dos premios do sector

No marco de PALCO celebrarase, tamén, a segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, rebautizados como Premios PALCO, que un ano máis buscarán poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas que destaquen polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade no sector musical galego.

Esta segunda edición dos Premios PALCO terán lugar na Sala Capitol de Santiago de Compostela a noite do martes 3 de novembro. Será unha celebración sectorial na que se darán a coñecer os gañadores e gañadoras e se entregarán os galardóns, nun formato próximo, pensado para favorecer a cooperación e a convivencia entre os diferentes axentes da industria musical galega.

Apertura das convocatorias para participar en PALCO

Nos vindeiros meses PALCO abrirá as súas primeiras convocatorias a través da páxina web oficial www.palco.gal, que se publicará proximamente. Na súa convocatoria de programación artística PALCO pretende reunir unha selección de proxectos musicais que amosen a diversidade, a calidade e o momento creativo da música galega actual. O prazo para inscribir os proxectos estenderase do 1 ao 31 de xullo de 2026.

Tamén se abrirá outro chamamento para a presentación en formato pitching de proxectos, iniciativas e propostas vinculadas á industria musical. Serán breves intervencións, de 5 minutos de duración máxima, pensadas como un foro para dar a coñecer ideas, servizos, ferramentas ou proxectos ante profesionais do sector, favorecendo a creación de contactos, colaboracións e novas oportunidades. O prazo de inscrición desta convocatoria será do 1 ao 31 de agosto de 2026.

O prazo para as inscricións de profesionais de asistencia a PALCO abrirase así mesmo desde o 1 de agosto e permitirán acceder a todas as actividades do encontro e participar nos espazos profesionais do Museo Centro Gaiás.

PALCO é un proxecto codeseñado no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, financiado para a súa realización pola Xunta e elaborado por AGEM como entidade que defende os intereses profesionais das entidades galegas ligadas á xestión cultural e aos espectáculos vinculados á música ao vivo. Desde a vontade compartida de reforzar a conexión, a vertebración e a proxección do sector, a creación de PALCO responde a unha das principais conclusións extraídas durante o proceso de elaboración do devandito plan: a necesidade de contar con espazos compartidos, útiles e sostibles, pensados desde dentro da propia industria e ao servizo das súas necesidades reais.

Comparte