Nova: A Xunta contribúe a filmar en Galicia a secuela da comedia 'Operación Camarón' a través das axudas á atracción de rodaxes

22/06/2026

A Xunta contribúe a filmar en Galicia a secuela da comedia 'Operación Camarón' a través das axudas á atracción de rodaxes

O Goberno galego apoia este proxecto da produtora galega Maruxiña Film Company, xunto a Telecinco Cinema, La Pepa PC e Basque Film Services, no marco da liña de subvencións cofinanciadas con fondos FEDER da Unión Europea

‘Operación Camarón 2’ conta no elenco con 15 intérpretes galegos, entre os que figuran Diego Anido, María Mera, Alejandro Jato, Manuel Burque, María Pujalte ou Manuel Manquiña

A gravación desenvolve esta semana a súa recta final tras ter visitado Rianxo, Negreira, Vedra, Arteixo, Cambados e distintos lugares da ría de Vigo

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2026

A Sala Capitol de Santiago de Compostela converteuse hoxe en escenario de rodaxe do filme Operación Camarón 2, secuela da comedia do mesmo título que constituíra un éxito de recadación en toda España en 2021 e que terá unha segunda parte dirixida novamente por Carlos Theron e con produción galega de Maruxiña Film Company. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou o equipo da película no emblemático espazo de concertos da capital de Galicia para prestar testemuño do apoio da Xunta ao proxecto.

Operación Camarón 2 recibiu 350.000€ da liña de atracción de rodaxes convocada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en 2025. Esta canle de axuda, cofinanciada polos fondos FEDER da Unión Europea no marco do Programa Operativo Galicia 2021-2027, conta na actualidade cunha nova convocatoria aberta á presentación de novos proxectos ata o 1 de outubro e dotada con 2.200.000 euros.

Na longametraxe, que ten prevista a súa estrea en cines en xullo de 2027, Julián López e Carlos Librado “Nene” encabezan de novo un reparto que conta con 15 actores e actrices de Galicia, entre os que se atopan Diego Anido, María Mera, Alejandro Jato, Manuel Burque, María Pujalte ou Manuel Manquiña. Tamén repiten no elenco Juanlu González e Xisco González.

Nesta próxima entrega, os protagonistas volven atoparse cinco anos despois nunha nova misión policial chea de música, acción e humor. Sebas e Lolo terán que infiltrarse desta volta en Os Meteoros de Padrón, unha coñecida orquestra galega liderada por Tito, un director tan carismático como sospeitoso e relacionado cunha importante rede de narcotráfico. Entre verbenas, persecucións e vellos remorsos, ambos os dous terán unha última oportunidade para recuperar a súa amizade e reconducir as súas vidas.

Cun equipo técnico que se cifra en máis do 70% de participación galega, a rodaxe levouse a cabo nas últimas semanas nos concellos de Rianxo, Negreira, Vedra, Arteixo, Cambados e distintas localizacións da ría de Vigo.

Ademais de Maruxiña Film Company, figuran na produción Telecinco Cinema, La Pepa PC e Basque Film Service.

Comparte