Nova: Ángel Miramontes erixe Galicia como “territorio de referencia na aplicación de estándares internacionais de xestión patrimonial”
16/06/2026
Ángel Miramontes erixe Galicia como “territorio de referencia na aplicación de estándares internacionais de xestión patrimonial”
A Cidade da Cultura acolle unha xornada para impulsar ferramentas avanzadas neste eido
O director xeral de Patrimonio Cultural remarca a aposta do Goberno galego pola incorporación de instrumentos técnicos que permitan anticipar impactos e mellorar a toma de decisións
A iniciativa está dirixida a persoa técnico das Administracións, así como arquitectos, arqueólogos e xestores culturais implicados na elaboración de estudos e plans
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2026
O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, erixiu hoxe Galicia como “territorio de referencia na aplicación de estándares internacionais de xestión patrimonial, promovendo a formación especializada de profesionais e transferencia de coñecemento”. Fíxoo na inauguración da xornada Avaliar para protexer: as Avaliacións de Impacto Patrimonial como ferramenta chave na xestión do patrimonio cultural celebrada na Cidade da Cultura.
Así, o director xeral destacou estas avaliacións como “unha ferramenta esencial para estudar de maneira rigorosa os efectos das actuacións sobre os valores patrimoniais, en liña coas recomendacións de organismos internacionais como Unesco”. Neste senso, reafirmou o compromiso da Xunta coa modernización das políticas públicas de patrimonio, apostando pola incorporación de instrumentos técnicos que permitan anticipar impactos e mellorar a toma de decisións, ao tempo que garantir a compatibilidade entre conservación e desenvolvemento territorial
O encontro, impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, está dirixida a persoal técnico da Administración autonómica, deputacións e concellos, así como a arquitectos, arqueólogos, xestores culturais e profesionais implicados na planificación territorial e na elaboración de estudos, plans e proxectos. Con esta iniciativa, o Goberno galego procura avanzar na integración destes instrumentos nos procedementos administrativos, consolidando un modelo de xestión patrimonial máis preventivo, rigoroso e baseado en evidencia, e reforzando o seu papel como axente tractor na innovación e capacitación técnica no ámbito cultural.
Un programa con expertos de referencia internacional
A xornada conta coa participación de especialistas de prestixio internacional, que abordarán tanto o marco conceptual e normativo dos Estudos de Impacto Patrimonial como a súa aplicación práctica a través de casos reais. Deste xeito, estarán presentes Jose María Lanzarote, da Subdirección General de Gestión y Coordinación de los Bienes Culturales do Ministerio de Cultura, quen abordará o marco normativo e as recomendacións internacionais para a elaboración das avaliacións de impacto patrimonial.
Ademais, contarase con Víctor Fernández Salinas, catedrático de Xeografía Humana da Universidade de Sevilla, que analizará o concepto, función e alcance destes estudos; con José Antonio Padrón, arquitecto e membro de Icomos España, que afondará nos contidos e definicións básicas para a súa redacción e desenvolvemento; con María Pilar García Cuetos, catedrática de Historia da Arte na Universidade de Oviedo, especialista en intervención e conservación do patrimonio, e con Alfredo Conti, consultor internacional e experto en patrimonio mundial, que presentará experiencias e casos de referencia a nivel global.
