Nova: A Xunta exhibe obras da colección do Centro Galego de Arte Contemporánea nunca antes expostas
12/06/2026
A Xunta exhibe obras da colección do Centro Galego de Arte Contemporánea nunca antes expostas
López Campos destaca a aposta do Goberno galego por consolidar o CGAC como “o mellor escaparate da arte da vangarda de Galicia e do panorama internacional”
Salienta que se trata do primeiro proxecto con Eva López Tarrío á fronte desta nova etapa na que se procurará unha maior participación do sector
A mostra, comisariada pola artista galega Sara Donoso, estará aberta ao público ata o 12 de febreiro de 2027
O centro público amplía ao Dobre Espazo a instalación de Misha Bies Golas, que se amosa desde o pasado 22 de maio e pode verse ata o 6 de setembro
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe no Centro Galego de Arte Contemporánea a exposición Illa ignorada, da que destacou que se exhiben obras da súa colección, “que nunca antes foran expostas, moitas delas de adquisición recente”, ademais de salientar o feito de que se trata da primeira mostra con Eva López Tarrío á fronte da dirección.
Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o representante do Goberno galego precisou que se amosan creacións de 16 artistas, nove deles galegos, “co que confirmamos a ruta iniciada coa nova etapa do centro público, baseada nunha maior presenza e difusión da creación galega”, co obxecto de consolidalo como “o mellor escaparate da arte da vangarda de Galicia e do panorama internacional”.
Ao respecto, sinalou este propósito como “cerna da estratexia da nova dirección” para “convertelo en centro artístico de referencia do eixo atlántico”. Nese obxectivo, volveu incidir en que se vai contar co sector, ao que convidou á súa “participación activa e conxunta”, na elaboración do primeiro Plan director da historia do CGAC nos seus 30 anos de existencia, “nunha folla de ruta que vai definir as novas estratexias, baseadas no permanente diálogo e contacto con todos os axentes culturais e artísticos”.
‘Illa ignorada’
En canto á mostra a Illa ignorada, que estará aberta ata o 12 de febreiro de 2027 e toma o seu título do primeiro poemario da escritora Gloria Fortes, o titular de Cultura da Xunta puxo en valor non só o “prestixio dos e das artistas que a conforman, senón tamén a súa capacidade e talento para abordar cuestións tan complexas e necesarias como as tensións sociais, culturais ou políticas”.
Así, salientou os traballos tanto dos artistas galegos Alberto Ardid, Vicente Blanco, Andrea Costas, Caxigueiro, Fina Mantiñán, Juan Carlos Meana, Ariadna Silva, Seoane e María Elena Montero, como os de Abel Azcona, Amparo Garrido, Regina Giménez, Antoni Muntadas, Sonia Navarro, Íñigo Royo, Regina Silveira.
Do mesmo xeito, o conselleiro gabou o traballo realizado pola comisaria e artista galega Sara Donoso, pola “atinada conexión” entre creadores de xeracións diversas para “reflectir e poñer en relación, e con moito acerto, determinadas problemáticas que son reformuladas desde diferentes perspectivas e linguaxes por estes 16 artistas”.
López Campos lembrou que Illa ignorada é unha das 70 propostas incluídas no programa As exposicións de 2026 como motor cultural da Galicia Calidade coas que a Xunta de Galicia busca fomentar o acceso á cultura e contribuír á formación da cidadanía, ao tempo que reflectir o talento e das e dos artistas galegos actuais, “que están facendo medrar o prestixio e a imaxe da marca Galicia Calidade”, concluíu.
Ampliación de Misha Bies Golas
Ademais desta nova mostra, o centro tamén inaugurou a ampliación, no dobre espazo do Centro Galego de Arte Contemporánea, da exposición Misha Bies Golas, que abriu ao público o pasado 22 de maio cunha escolma de máis de dúas décadas da creación heteroxénea do lalinense Miguel Calvo Ulloa, un dos fundadores do colectivo Nova Escultura Galega.
Esta ampliación leva por título Sombras no Dobre Espazo e , xunto co resto da exposición, pode verse ata o 6 de setembro. As súas pezas constitúen un novo ensaio do proxecto de investigación e realización artística que Misha Bies Golas desenvolveu noutros lugares e contextos. A obra parte de fragmentos de pergamiño procedentes de procesos artesanais de curtido, cuxas formas foron transformadas en elementos escultóricos, móbiles e instalacións que xogan coa luz e as sombras.
Concibida especificamente para o dobre espazo do CGAC, esta nova presentación súmase a unha serie de ensaios previos desenvolvidos polo artista no seu propio taller, no mosteiro da Inmaculada Concepción de Loeches e no Museo Oteiza. A instalación adopta o carácter dunha investigación en permanente evolución, onde luz, material, obxectos e arquitectura entran en diálogo para explorar as posibilidades formais e espaciais de cada lugar.




