Nova: López Campos convida á cidadanía a “gozar da ampla programación” da Feira do Libro de Redondela

11/06/2026

López Campos convida á cidadanía a “gozar da ampla programación” da Feira do Libro de Redondela

A Alameda acolle 40 actividades ata o domingo entre as que se atopan sinaturas de libros nas que participarán máis de 30 autores e autoras, teatro, obradoiros e música

O representante de Cultura pon en valor “o importante labor de dinamización cultural que realiza esta iniciativa”

A seguinte parada do circuíto impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías será Ourense, do 17 ao 20 de xuño

Redondela (Pontevedra), 11 de xuño de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe a Feira do Libro de Redondela, a quinta das citas do circuíto que a Xunta de Galicia impulsa en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia e que percorrerá 13 cidades e vilas ata finais do mes de agosto.

No acto de apertura, o representante de Cultura do Goberno galego convidou a toda a cidadanía “a gozar da ampla programación coa que conta esta iniciativa”, que inclúe 40 actividades entre as que se atopan a sinatura de libros nas que participarán máis de 30 autores e autoras, teatro, poesía, obradoiros e espectáculos familiares. Nesta liña, quixo destacar “o importante labor de dinamización cultural e o impulso ao sector do libro que realiza este circuíto con actividades pensadas para públicos diversos e un acceso á información máis claro e sinxelo”, na liña da Lei de cultura inclusiva e accesible aprobada pola Xunta de Galicia.

A Feira do Libro de Redondela estará aberta ata o domingo 14 de xuño en horario de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 horas, cunha programación que se iniciou hoxe coa lectura do pregón a cargo da xornalista Carolina Sertal.

13 vilas e cidades de abril ata agosto

Redondela é a quinta das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias, tras a celebración das feiras en Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e O Porriño. Recollerá o relevo Ourense, do 17 ao 20 de xuño.

 

Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7; continuando en Ponteareas, desde o día 9 ata o 12, e en Rianxo, do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10; Viveiro, do día 13 ao 19; Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.

Comparte