Nova: A Xunta convoca os Premios da Cultura Galega 2026
10/06/2026
A Xunta convoca os Premios da Cultura Galega 2026
Os galardóns recoñecen o labor creativo e a expansión a novos espazos nos ámbitos das Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior
As institucións e entidades culturais ou profesionais relacionadas con cada categoría contan ata o 10 de agosto para enviar as súas candidaturas
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia acaba de convocar os Premios da Cultura Galega 2026, certame que recoñece o labor creativo e a súa expansión nos novos espazos actuais desde a súa primeira edición, en setembro de 2010.
As oito modalidades destes galardóns son as de Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior. Deste xeito, as institucións e entidades culturais ou profesionais relacionadas con cada unha delas dispoñen de dous meses para entregar as candidaturas, tal e como se recolle no Diario Oficial de Galicia.
Así, as solicitudes poderán ser presentadas desde mañá, 11 de xuño, ata o 10 de agosto por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Posteriormente, as candidaturas serán valoradas por un xurado, presidido polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, e composto por un máximo de 10 vogais representantes do Consello da Cultura Galega, da Universidade de Santiago de Compostela, da Real Academia Galega, da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, das áreas de Promoción de Igualdade e Cultura da Xunta de Galicia e de catro persoas de recoñecido prestixio no eido cultural designadas polo departamento de Cultura do Goberno galego.
En cada modalidade, o recoñecemento non poderá recaer en máis dunha persoa ou entidade e concederase un único premio correspondente a unha peza artística ou obxecto conmemorativo de prestixiosa autoría galega, acompañado dun diploma acreditativo. Na data de formalización da candidatura, as persoas participantes deberán estar vivas e os colectivos e entidades deben ter actividade.
Galardóns á excelencia e creatividade galega
Os Premios da Cultura Galega constitúen un instrumento para celebrar e recoñecer a creatividade, a excelencia e a proxección da construción cultural de Galicia. Na pasada edición os galardoados foron a editorial Galaxia, na modalidade de Letras; a Bienal de Arte de Pontevedra, en Artes Visuais; a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, en Artes Escénicas; as Bodegas Martín Códax, en Música; a distribuidora Baños Films, en Audiovisual; a campaña Aquí tamén se fala, en Lingua; o lutier artesán Antón Corral, en Patrimonio Cultural, e o programa radiofónico Sempre en Galicia, en Proxección Exterior.
