Nova: A Xunta adxudica 380.000€ para actualizar e difundir os fondos dos museos e arquivos
07/06/2026
A Xunta adxudica 380.000€ para actualizar e difundir os fondos dos museos e arquivos
As entidades seleccionadas, que poden consultarse no Diario Oficial de Galicia, teñen ata o 31 de outubro para acreditar a execución dos seus proxectos
As axudas para arquivos, que garanten unha custodia responsable e acceso dos cidadáns aos documentos, destínanse a 30 organismos
14 entidades sen fin de lucro e 14 entidades locais benefícianse dos apoios para actualizar e difundir os fondos de museos
Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2026
A Xunta destina 380.000 euros á mellora dos arquivos e museos de Galicia. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a lista de entidades seleccionadas, que teñen ata o 31 de outubro para acreditar a execución dos seus proxectos.
Por unha banda, a convocatoria das axudas para arquivos, que busca garantir unha custodia responsable e acceso dos cidadáns aos documentos, destínase a 30 institucións. A través da iniciativa, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora para sufragar actividades que teñan por obxecto a descrición de fondos documentais dos arquivos galegos segundo a metodoloxía arquivística.
A segunda liña de apoios, destinada a inventariar, catalogar e documentar os fondos, así como para adquirir novo equipamento en museos, coleccións ou centros de interpretación, dirixirase a 14 entidades sen fin de lucro e 14 de carácter local. Neste senso, tamén poderán subvencionarse as accións que sirvan para actualizar a exposición permanente e organizar mostras temporais, deseñar e ofrecer actividades didácticas e de difusión acordes coa súa temática e ámbito de actuación, ademais de accións de creación ou renovación das páxinas web dos centros, así como a xeración de coñecemento mediante traballos de investigación, edición e tradución de publicacións científicas e divulgativas.
A través destas achegas, o Goberno galego continua co seu compromiso de protección, conservación, acrecentamento e difusión do patrimonio documental e cultural. Deste xeito, búscase garantir o acceso á cultura para todas as persoas eliminando as barreiras físicas, cognitivas, comunicativas, sociais ou territoriais, tal e como se establece na Lei de cultura inclusiva de Galicia, un texto pioneiro en Europa, que se aprobou por unanimidade o pasado ano.
