Nova: A Xunta abre á consulta pública o proxecto do Decreto dos Itinerarios Culturais de interese autonómico para recoller achegas e suxestións de cara a súa regularización

07/06/2026

A Xunta abre á consulta pública o proxecto do Decreto dos Itinerarios Culturais de interese autonómico para recoller achegas e suxestións de cara a súa regularización

A consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xa sometera previamente o anteproxecto á recepción de achegas no Portal de Transparencia

A normativa ten por obxecto a fixación dos criterios para outorgar esta categoría e tamén as medidas de protección e divulgación

Este recoñecemento implicará apoios das Administracións públicas de cara á súa preservación e divulgación

O propósito é recoñecer as rutas que, a través da súa historia, tradición e patrimonio, teñen unha especial relevancia na difusión da nosa cultura e identidade

Prevese a creación dunha rede, xestionada polo Executivo autonómico, que posibilitará a difusión conxunta destas novas figuras

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2026

A Xunta ten aberta á consulta pública o proxecto do Decreto dos Itinerarios culturais de interese autonómico co obxecto de recoller aquelas achegas e suxestións, que poderán proceder de persoas particulares ou entidades de calquera ámbito, público o privado, e que contan de prazo ata o 23 de xuño para presentalas no Portal de Transparencia da Administración Autonómica.

Deste xeito, o Goberno galego pretende enriquecer a normativa que se está tramitando para establecer os criterios que rexan a  creación desta nova figura, ao tempo que determine as súas medidas de protección, divulgación e apoio. Isto vai permitir que estes itinerarios sexan obxecto de especial atención por parte das administracións públicas á hora de planificar programacións culturais, convocar axudas e deseñar medidas de posta en valor.

Con esta consulta do proxecto do Decreto, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dá un novo paso de cara a regular estes itinerarios que dispoñen dos requisitos para acadar apoio das administracións, pola súa especial relevancia para a difusión da nosa cultura e identidade en todo o territorio. Trátase de rutas que, a través da historia, tradición e patrimonio, promoven e divulgan a cultura, o desenvolvemento sustentable e a cohesión en diferentes puntos do territorio, especialmente en aqueles que se atopan en risco de exclusión cultural polas súas condicións xeográficas e sociais.

Primeiros trámites: consulta previa e criterios de creación

Cómpre aclarar que o departamento de Cultura do Goberno galego xa levara a cabo, entre o 7 e o 22 de abril, unha consulta pública previa no Portal de Transparencia da Xunta, que permitiu a incorporación de achegas. En todo caso, o texto volve agora a someterse a unha nova apertura para facilitar suxestións. Ao mesmo tempo, estanse a solicitar os distintos informes sectoriais preceptivos necesarios neste tipo de procedementos lexislativos.

 De igual xeito para o avance da creación destas novas figuras, o documento lexislativo está a fixar a definición do itinerarios culturais de interese autonómico. Así, establece que están concibidos como instrumentos de promoción cultural e, como tales, poden responder tanto a unha configuración territorial como a unha definición temática ou conceptual. Consecuentemente, non é necesaria a continuidade física entre os elementos e bens culturais que os integren.

En canto á proposta para que unha ruta sexa recoñecida con esta categoría, o anteproxecto recolle a posibilidade de que a petición proveña a través dunha ou varias entidades, tanto locais como xurídicas de carácter privado. En todo caso, para candidatala a este recoñecemento deberase xustificar a relevancia cultural, natural, histórica e etnográfica do itinerario proposto. Ademais, teranse que identificar os concellos que forman parte do mesmo e incluír a relación e descrición dos bens, prácticas ou manifestacións naturais e culturais, materiais e inmateriais vencelladas á ruta.

Vantaxes da declaración e rede de itinerarios

A declaración de itinerario cultural de interese autonómico levará consigo o recoñecemento do seu interese cultural, a promoción do seu uso público e a preferencia no acceso ás liñas de fomento que poida establecer a Administración autonómica destinadas á súa consolidación, mantemento e dinamización, a través de actividades culturais e artísticas vencelladas a estas rutas.

Na súa regulación, o proxecto de decreto tamén recolle medidas específicas de divulgación e apoio entre a que se atopa a creación dunha rede de itinerarios culturais de interese autonómico, a través da cal se garantirá a difusión dos recoñecidos con este nova figura.

A incorporación á rede, de carácter público xestionada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, facilitará información sobre as entidades promotoras, os concellos polos que discorre cada itinerario, as manifestacións culturais e naturais conectadas polo percorrido, a súa significación cultural e as actividades que se desenvolven.

Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia

A posta en marcha dos itinerarios culturais é posible tras a modificación da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia feita a través da Lei de acompañamento aos Orzamentos 2026. Trátase duns cambios cos que o Executivo autonómico deu sustento legal á posta en marcha desta nova categoría que agora se desenvolverá a través do futuro decreto.

Comparte