Nova: A Xunta patrocina a Festa da Tinería, que se celebra o sábado impulsada pola asociación de empresarios Itineris
03/06/2026
A Xunta patrocina a Festa da Tinería, que se celebra o sábado impulsada pola asociación de empresarios Itineris
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe na presentación da programación, que inclúe obradoiros, música e un mercadiño nas rúas do casco histórico lucense
Lugo, 3 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia patrocina a quinta edición da Festa da Tinería, organizada pola asociación de empresarios Itineris. Celebrarase este sábado e incluirá un mercadiño artesán, obradoiros de artesanía e actuacións musicais en varias rúas e locais do casco histórico lucense.
A Oficina de Turismo da Xunta acolleu hoxe a presentación da programación, que contou coa participación do delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, e a presidenta da entidade promotora, Isabel Lozano, entre outros.
Os postos de venda de artesanía permanecerán instalados durante toda a xornada nas rúas Tinería e Miño, e as actividades de animación serán gratuítas e pensadas para todas as idades.
Así, no escenario principal -no encontro entre ambas rúas- sucederanse, desde as 12:00 horas, o espectáculo de marionetas de Ton Arenas, un concurso de karaoke, a actuación do DJ Celex Facela e, xa a partir das 20:00 horas, os concertos de Mad Martin trío e Malenne. O apartado musical complétano DJ Kiko López e DJ Jimbo ás 17:00 horas, en Tinería 15 e no establecemento O Portón respectivamente.
Os obradoiros de artesanía correrán a cargo de Tres Caracois, que os impartirá no Portón e no Pazo de Orbán, e de Marga Portomeñe, no seu propio local da rúa Miño. Así mesmo, desde as 17:00 horas desenvolverase a proposta solidaria “Barbeiros pola rúa”, na esquina entre as rúas Miño e Falcón.
Villares gabou a implicación dos empresarios da zona no evento e sinalou que “a rehabilitación urbanística que impulsa a Xunta de Galicia propicia a revitalización económica e social do barrio, que está a demostrar a súa puxanza en convocatorias como esta”.


