Nova: A Xunta impulsa a creación en Galicia da primeira cátedra do norte peninsular de Xestión Cultural especializada en Patrimonio

02/06/2026

A Xunta impulsa a creación en Galicia da primeira cátedra do norte peninsular de Xestión Cultural especializada en Patrimonio

Ángel Miramontes salienta que o apoio de 50.000€ “demostra con feitos o compromiso do Goberno galego de cara ao seu estudo, coidado e difusión”

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude asegura que o proxecto académico “profesionalizará aínda máis a xestión, protección e divulgación dos bens patrimoniais”

Destaca que a Comunidade se sitúa entre as “pioneiras” neste ámbito, xa que será a terceira en contar con este grao de formación de toda España

Avanza que permitirá realizar actividades de formación e investigación, así como incentivar a colaboración entre persoal investigador, profesorado e profesionais da xestión cultura e patrimonial

  • cruz_embolada cruz_embolada

Lugo, 2 de xuño de 2026

O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, asinou hoxe coa reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, o convenio de colaboración para a posta en marcha en Galicia da primeira cátedra do norte peninsular de Xestión Cultural, especializada en Patrimonio, que se impartirá na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, onde xa existe un grao universitario nesta materia.

“Trátase dun fito histórico, xa que fai que Galicia se sitúe, unha vez máis, entre as pioneiras neste ámbito, posto que ademais é a terceira cátedra desta especialización en toda España”, enxalzou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, quen precisou que para a súa creación, a Xunta achegará 50.000 euros distribuídos en dúas anualidades, repartidos en 25.000 euros para a de 2026 e a mesma cantidade para a de 2027.

Deste xeito, Miramontes puxo en valor que con este investimento a Xunta “demostra con feitos o compromiso do Goberno galego de cara ao  estudo, coidado e difusión do patrimonio, erixíndoo como un dos maiores tesouros que conforman e definen a identidade e cultura de Galicia”. Neste senso, adiantou que nesta formación se fará fincapé na xestión patrimonial, “a través da investigación e a innovación, pero tamén fomentado a difusión, valorización e transmisión ás xeracións futuras destes bens a prol dunha mellor protección e conservacións dos mesmos”.

Consecuentemente, o director xeral de Patrimonio Cultural asegurou que, desta forma, “se profesionalizará aínda máis a xestión, protección e divulgación dos bens patrimoniais da Comunidade”. Con este fin, adiantou que a cátedra institucional de Xestión Cultural centrarase de xeito específico en “potenciar o sector da cultura na sociedade lucense e, por extensión, en toda a Comunidade, tanto na súa vertente social como formativa e económica”. De igual forma, cualificou de “importante e eficiente” que, entre as súas finalidades, teñan a de “detectar as posibles fortalezas e debilidades das industrias culturais en Galicia”.

Participación de expertos de renome internacional

O director xeral tamén puxo en valor que,  a través dela, levaranse a cabo estudos culturais de carácter internacional, nacional, autonómico e local “coa finalidade de contribuír ao desenvolvemento da cultura e da xestión do patrimonio cultural”. Ademais, salientou o feito de que “propoñerá políticas culturais e de salvagarda do patrimonio cultural, adaptadas á realidade actual”. Nesta liña, avanzou que a  cátedra procurará a colaboración entre o persoal investigador da Universidade de Santiago con expertos de renome internacional, tanto do eido da educación ou a investigación, e tamén con xestores culturais e patrimoniais.

En resumo, Miramontes considerou que con posta en marcha desta cátedra Galicia vai contar con “novas xeracións máis formadas e informadas na xestión e coidado do noso patrimonio, e tamén no seu valor e na relevancia e importancia de coidalo e preservalo para as xeracións actuais e futuras".

I  Premio de Investigación Ana Goy Diz

O responsable de Patrimonio da Consellería de Cultura destacou o feito de que a cátedra institucional de Xestión Cultural botará a andar xa no curso 2026/2027 e gabou que conte, a esta altura, con actividades deseñadas para o seu programa curricular, entre as que enxalzou a convocatoria do I Premio de Investigación en Xestión Cultural Ana Goy Diz, “en homenaxe á primeira catedrática de Historia da Arte no Campus de Lugo e representante en Galicia do Icomos.” Este certame terá por obxecto, segundo debullou, contribuír á promoción da investigación e innovación, así como á divulgación e transferencia de coñecementos no sector cultural e do patrimonio cultural.

Finalmente, salientou  que este convenio do Goberno galego coa Universidade de Santiago de Compostela realízase ao abeiro do Plan estratéxico para a protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Ao respecto, apuntou que esta iniciativa inclúe medidas para a difusión dos traballos realizados para a preservación e incremento de bens; accións de análise e investigación; organización e participación en cursos e congresos, e o desenvolvemento de accións e actividades nun marco educativo que introduza aspectos relacionados co patrimonio cultural.

Pola súa banda, a Universidade de Santiago facilitará os medios materiais e instalacións necesarias para o correcto desenvolvemento da cátedra, e contará como órgano unipersoal cun ou cunha directora, responsable da execución do programa de actividades. Ademais, terá unha Comisión Mixta de Seguimento que se reunirá, como mínimo, unha vez ao ano.

Comparte